|
 O secretario xeral dos socialistas galegos e candidato á presidencia da Xunta participou hoxe en Pontevedra nun encontro con representantes do sector da educación para tratar as políticas sociais e de benestar nese eido.
Na reunión o presidente da Xunta explicou que “sempre defendín a dimensión estratéxica da educación e a súa condición de ferramenta para a igualdade, a cohesión social e o crecemento económico. E nesta lexislatura fixemos da educación unha das nosas prioridades políticas e investidoras”.
Touriño fixo balance da última lexislatura e lembrou que “incrementamos en 4 anos o orzamento de educación nun 30%, superando en máis de 10 puntos o investimento respecto da última lexislatura do Partido Popular, unhas cifras que non son casuais e que responden a un proxecto de sociedade”.
O profesorado
Touriño opinou que “de todos os actores sociais implicados no proceso educativo, os docentes representan a pedra angular do sistema”. E comentou que “nestes últimos catro anos o Goberno mellorou moi sensiblemente as súas condicións laborais e salariais, cun incremento mensual de 150 euros. Só en profesorado o investimento na última lexislatura creceu máis dun 16%. Aumentaron as súas retribucións e púxose en marcha un acordo para a homologación das retribucións co resto das Comunidades Autónomas”.
Ademais, seguiu “fixemos un esforzo extraordinario na creación de novas prazas de profesorado e na estabilización e consolidación das existentes, co obxectivo de incidir na calidade do servizo público, e de reducir a cociente profesor/alumno”.
“Consideramos imprescindible a formación continua do profesorado,poñendo en marcha máis de 1600 actividades cada ano” afirmou.
Centros escolares
O secretario xeral dos socialistas galegos comentou que “fixemos un esforzo moi notable na modernización dos centros escolares (baste dicir que se investiron preto de 300 millóns de euros construíndo, reformando e modernizando as infraestruturas escolares nas cidades e no ámbito rural). Pero esas intervencións en infraestruturas escolares, aínda sendo necesarias, non son suficientes para lograr o obxectivo de mellora da calidade”.
Un sistema educativo máis equitativo
“Nestes catro anos de goberno, realizamos un enorme esforzo por lograr un sistema educativo máis equitativo, recalcou. E puxo como exemplo “a gratuidade dos libros de texto, conseguida para todos os tramos de educación obrigatoria e para a educación especial, significou un incremento do 420% do investimento respecto ao ano 2005, e comporta un aforro considerable para as familias galegas, o cal supón sen dúbida un elemento máis de igualación e mellores condicións de acceso ao ensino”.
Tamén falou do investimento en transporte escolar e “a plena cobertura de acompañantes reduce o impacto da dispersión xeográfica da nosa poboación, ao garantir transporte seguro e gratuíto para todos os rapaces e rapazas, concretamente 2100 rutas escolares”. Aseverou que “máis de 60.000 alumnos teñen tamén agora o servizo de comedor escolar”.
Fracaso escolar e permanencia no sistema
O candidato socialista á presidencia da Xunta considerou que “pode afirmarse que o noso sistema educativo garante a equidade e a igualdade de oportunidades no acceso ao ensino, pero non podemos estar satisfeitos cos indicadores de permanencia e de anos completados de escolarización mentres as taxas de alumnos que cursan ensinanzas post-obrigatorias non se harmonicen coa media dos países europeos, por iso puxemos en marcha programas para evitalo”
“Debemos mellorar sensiblemente este indicador, promovendo políticas activas de evitación do fracaso escolar e de impulso á permanencia no ensino non obrigatorio, Bacharelato e Formación Profesional”, asegurou.
Novas tecnoloxías
Touriño recordou que “na lexislatura pasada, dous tipos de competencias (a lingüística e a dixital), foron obxecto de importantes investimentos”. E ofreceu datos “se antes había un ordenador por cada 12 alumnos, agora hai un por cada cinco alumnos. Galicia é a primeira comunidade na que existen pizarras dixitais en todos os centros públicos e falta moi pouco para que todas as escolas e institutos de Galicia estean conectados integramente á Rede”. “A alfabetización dixital é hoxe unha clave formativa que fora incomprensible e irresponsablemente ignorada polos anteriores gobernos do Partido Popular”, dixo.
Plurilingüismo
“A segunda gran aposta educativa do meu goberno foi a promoción do plurilingüismo”, considerou.
O que eu lle propoño á sociedade galega é avanzar cara un sistema educativo plurilingüe. E isto pola sinxela razón de que nunha sociedade aberta, nunha economía global e na Unión Europea é absolutamente necesario poder comunicarse en, polo menos, unha lingua estranxeira.
Touriño explicou que “nesta lexislatura, e por primeira vez na historia da autonomía, o goberno galego puxo en marcha unha batería de medidas para fomentar a aprendizaxe de linguas estranxeiras, son medidas como os programas de anticipación e inmersión temperá (destinadas a nenos moi pequenos), a creación de seccións bilingües (que alcanzan na actualidade a 10.000 alumnos), ou as bolsas e actividades estivais de campamentos e estancias no estranxeiro para alumnos de primaria, secundaria e bacharelato”.
Propostas para o futuro
O secretario xeral dos socialistas sinalou 3 grandes eixos de actuación: “garantir a competencia lingüística en idiomas estranxeiros, aumentar os recursos para adaptar os centros ao século XXI, e conseguir que o 100%dos mozos que estudan FP accedan a un emprego en 6 meses despois de rematar os ciclos”.
Con respecto a esta última proposta afirmou que “queremos incrementar nun 50% o nº de mozos e mozas que se decantan pola FP, para elo poremos en marcha un plan de bolsas que chegará ás 5000”. E concretou que “ao remate da vindeira lexislatura agardamos ter 40.000 alumnos en FP”.
Tamén relatou como obxectivo para os próximos catro anos o de “garantir a competencia lingüística en linguas estranxeiras; cun Plan de Fomento do Pluriligüismo para conseguir que os galegos e galegas das próximas xeracións manexen como mínimo tres linguas: galego, castelán e unha lingua estranxeira que na maioría dos casos vai ser o inglés”.
“Duplicaremos o número de alumnos en programas de inmersión lingüística que chegarán aos 15.000 e triplicaremos o número de seccións lingüísticas: temos 600 e iremos a 1.800; e para elo tamén duplicaremos o número de profesores que se forman no estranxeiro”, aseverou.
Touriño anunciou ademais que “impulsaremos o aumento de recursos para os centros da comunidade: comprometo un plan de 500 millóns de euros nos vindeiros catro anos para modernizar os centros, eliminar as barreiras arqueolóxicas, para facer novos centros educativos ou para reducir o ratio profesor-alumno”. Así mesmo asegurou que “dotaremos aos centros de equipos informáticos para conseguir que todos eles, o 100% teñan acceso integral en cada aula a internet”.
O secretario xeral dos socialistas amosou o seu convencemento de que “colaboraremos con todos os concellos para que podan desenvolver actividades fóra do horario lectivo, permitindo que máis de 200.000 alumnos participen nestas actividades e que se beneficien dos programas 153.000 familias”.
Pero para conseguir isto, concluíu Touriño, será preciso “un Pacto Cívico pola Educación, que se fará no Parlamento a través da nova Lei de Educación, porque sen consenso non poderemos construír a escola que queremos; cívico, porque esta tarefa é competencia de toda a cidadanía e das institucións que a representan”, puntualizou.
No acto participaron máis de 350 persoas do ámbito educativo, entre as que se atopaban personalidades como a Conselleira de Educación, Laura Sánchez e o voceiro de Educación do PSdeG-PSOE, que presentou o encontro.
Suscríbete a las noticias del Mar y la Pesca en tu entorno:
Suscríbete a las noticias de Galicia en tu entorno:
Buscador y Directorio Xornal Galicia
|