Información
Vertedero Municipal de A Coruña

Denuncian que a #Xunta e #XulioFerreiro ignoraron a alerta laranxa por temporal nas obras do Estadio de Riazor

Información
08 Noviembre 2018 559 votos

 

 

 

 

A Federación de Construción e Madeira da CIG (FCM) certificou , a pé de obra, que a reforma do Estadio de Riazor operou con normalidade durante plena alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego.

 

A CIG detectou que había operarios traballando incluso sobre a cuberta do estadio e desde plumas e cestas a moitos metros de altura, soportando a choiva persistente e refachos de máis de 100 km/h, cun grave risco de caída mortal.

 

Para o secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, "evidénciase que o Concello da Coruña, máximo responsábel das obras, así como a dirección da empresa contratista, ignoraron deliberadamente o aviso de temporal e a alerta laranxa decretada  pola Xunta o día antes, quen ademais emitira a recomendación de permanecer lonxe da costa: praias, rompentes, paseos marítimos ou espigóns. Resulta obvio que a cuberta dun estadio sito a pé de praia non parece o lugar máis acaído para traballar durante un temporal destas magnitudes", afirma.

Maceiras considera a situación máis grave tendo en conta que esta mesma mañá o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, aparecía na prensa aseverando que as obras estarían rematadas a tempo para o vindeiro partido de fútbol. "Esta declaración insensíbel e irresponsábel constata que é o propio Concello da Coruña o máximo responsábel da urxencia por acabar a reforma, antepoñendo un partido de fútbol á vida e á seguridade dos traballadores e traballadoras".

A este respecto indica que, polas súas características, estas obras xa comportan un risco grave, "máis aínda nunha situación tan extrema coma é un temporal con alerta laranxa". "Preguntámonos se o Plan de Prevención de Riscos da obra, se é que existe, se cumpriu neste caso, o que parece pouco probábel", subliña.

Denuncia na Inspección de Traballo

A CIG xa puxo a situación en coñecemento da Inspección de Traballo, tras facer as averiguacións sobre as empresas que estaban a desenvolver a actividade. A central nacionalista lembra que xa é a segunda ocasión que ten que denunciar ante a autoridade laboral o Concello da Coruña e o departamento de Rexeneración Urbana, por feitos similares.  Na vez anterior foi polas graves fallas de seguridade nas obras da cuberta da Estación de Autobuses, que paradoxalmente preparaban o local para acoller a nova sede da Concellería de Mobilidade



esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi