Mancomunidade do Baixo Miño porá autobuses para acudir á manifestación en defensa da sanidade pública en Santiago

Información
01 Febrero 2023 - Agenda - 7264 votos
social youtube xornalgalicia   feed-image

Pode solicitarse praza a través das webs dos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui ata o día 10. Terá un custo de 3€

A manifestación sairá o 12 de febreiro ás 12.00 horas da Alameda compostelá

Baixo Miño, 1 de febreiro de 2023.- A Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño, formada polos concellos da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui, súmase á manifestación convocada polas plataformas en defensa da sanidade pública da comarca xunto con SOS Sanidade Pública ante o continuo desmantelamento da atención primaria ante a falta de dotación de persoal e medios. A Mancomunidade porá a disposición da veciñanza transporte público para asistir a esta manifestación que se celebrará o domingo 12 de febreiro ás 12.00 horas en Santiago de Compostela.
Os autobuses terán un custo de 3 euros por persoa. As veciñas e veciños interesados poderán solicitar o autobús a través dos formularios habilitados nas webs dos catro concellos, indicando nome, apelidos, teléfono de contacto e indicando en cal destes municipios se collería o transporte. En función do número de solicitudes deseñaranse os horarios e rutas necesarios e daranse a coñecer. Os formularios estarán abertos ata o venres 10 de febreiro.
A Mancomunidade amosa o seu máis rotundo apoio a esta manifestación e reclama unha vez máis a mellora da atención sanitaria nos centros de saúde, que dende hai anos sofren a continua falta de medios persoais e contan con instalacións deficientes e en progresivo deterioro. Alcaldesas e alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui convidan a toda a veciñanza a sumarse e participar na manifestación de Santiago de Compostela para denunciar unha vez máis a situación de precariedade na que se atopa a sanidade pública e a atención primaria, o que atenta de forma directa contra a calidade do servizo e, por tanto, contra a saúde dos veciños e veciñas.
As rexedoras e rexedores da Mancomunidade dan tamén o seu apoio ás e aos profesionais da saúde e continuarán loitando para garantir que estes poidan desenvolver o seu traballo en condicións dignas, asegurando ao mesmo tempo a calidade de atención á veciñanza.

Categoría: Agenda
Visto: 7264