Os chiringuitos na Xunta de Galiza medran coma os cogomelos. Non ben se extinguen uns, xa se argalla algo para repoñelos con outros, a ducias se fai falla.
A nova ocorrencia vén agora da man da Dirección Xeral de Emprendemento e Emprego, a cargo de Margarita Ardao (Consellaría de Promoción do Emprego e Igualdade), cunha rede de chiringuitos constituída por 15 entidades denominadas "polos de emprendemento e apoio ao emprego", e que están repartidos polas catro provincias. Na actualidade hai activos 8 polos, mentres que aínda están pendentes outros 7. Os polos activos son os seguintes:
• Polo da Costa da Morte (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, Coristanco)
• Polo das Rías Altas e Arco Ártabro (Ferrol)
• Polo da Mariña (Mondoñedo)
• Polo da Montaña Lucense (A Fonsagrada)
• Polo de Lugo Sur (Monforte de Lemos)
• Polo de Ourense Centro e Sur (Verín)
• Polo de Miño Central (O Carballiño)
• Polo de Pontevedra Norte e Rías Baixas (“La Moda” Rural Lab, local da Fundación Roberto Rivas, Silleda)
E que veñen sendo estes "polos"?
Son novas oficinas onde a Xunta disque que ofrece asesoramento personalizado e permanente a persoas emprendedoras, para que desenvolvan proxectos empresariais. Con esa finalidade impártenselles sesións de titorización, que están a cargo de "persoal titor experto de primeiro nivel", persoal que traballa para a Xunta pero que está directamente contratado por unha fundación privada.
O lema empregado pola Xunta na propaganda institucional para esta “rede de polos” é “Xempre contigo”, e dende ela convócanse axudas económicas de 9.2 millóns de euros en 2023, segundo a Xunta, provenientes dos fondos europeos de recuperación Next Generation EU, mediante os cales se implementa o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Quen xestiona estes fondos? Vexamos...
Esta rede de "polos" é un conglomerado de fundacións privadas, e tamén doutras entidades privadas vinculadas co Opus Dei, coas que a Xunta de Galiza está a conveniar os servizos e funcionamento destes polos.
O persoal que está a traballar nestes polos, a pesar de ter contrato cunha fundación privada, traballa en oficinas da Xunta (aínda que segundo se indica nos webs dos polos, algún dos locais é dunha entidade privada). O material, os logos e as aplicacións son da Xunta tamén. Dará lugar unha vez máis todo isto a novas responsabilidades pola cesión ilegal de traballadores/as? Xa advertimos dende aquí á directora xeral e a todas as persoas que poidan ter responsabilidade que no caso de que ocorran situacións como as descritas, que a maiores da responsabilidade disciplinaria derivada do artigo 28 da LEPG dende a CIG imos utilizar a vía penal por delitos contra a administración pública.
A coordinación de toda a rede de polos está nas mans da Fundación Juana de Vega, fundación privada. Á súa vez, a Fundación Juana de Vega coordina a outras fundacións, e tamén a outras entidades privadas, entre as que se atopan as seguintes:
- Fundación Venancio Salcines, a cal ten unha universidade privada na Coruña.
- Fundación Roberto Rivas.
- EFA Fonteboa: as EFAS (Escolas Familiares Agrarias) son entidades privadas introducidas en España polo fundador do Opus Dei, Josemaría Escrivá.
- Fundación Ronsel.
- Fundación Cel-Iniciativas por Lugo.
Volvemos ás andadas e chiringuitadas!
Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega. Ano 2023: Polos de emprendemento