Información
Agenda de Galicia

Arteixo irá á folga indefinida pola "xestión desastrosa" da empresa concesionaria

Información
Localidades de Galicia 10 Enero 2019 137 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

 Os traballadores e as traballadoras da piscina municipal de Arteixo irán á folga indefinida a partir do vindeiro 16 de xaneiro en resposta aos incumprimentos laborais por parte da empresa concesionaria, BeOne, á xestión "desastrosa" do servizo e para reclamar a readmisión dos tres compañeiros despedidos. Así o anunciaron en rolda de prensa este mediodía o delegado de persoal, Artur Xaquín Cougil, e o secretario de Acción Sindical da CIG da Coruña, Ernesto López Rei.

 

A comparecencia realizouse ás portas do Concello de Arteixo e nela estiveron presentes traballadores/as e usuarios/as das instalacións, que quixeron trasladar deste xeito o seu malestar pola xestión que a empresa concesionaria está a facer da piscina municipal. 

Os problemas comezan co cambio de dirección

Artur Cougil explicou que BeOne se fixo co servizo tras adquirir a empresa Aquafit (que no seu día resultara adxudicataria do contrato municipal), mais os problemas comezaron co cambio de dirección hai uns seis meses. Dende entón, explica o delegado de persoal, mudaron as relacións tanto no ámbito laboral como no trato aos usuarios e usuarias e empezou "unha persecución e un control constante sobre o persoal, con imposición de sancións, incumprimentos do convenio colectivo, cambios de xornada arbitrarios e total ausencia de medias de prevención, que xa nos obrigaron a ter que denunciar na Inspección de Traballo".

A gota que encheu o vaso foi o despedimento o pasado 2 de xaneiro de tres compañeiros (que prestaban servizo dende hai tres anos e tiñan contrato indefinido), aos que a empresa rescindiu o contrato alegando motivos disciplinarios. "Foi un proceder de manual: a dirección entregoulle aos tres o mesmo día as cartas de despedimento, que son idénticas, alegando os mesmos motivos, unha baixada voluntaria do rendemento. Isto evidencia que non existen razóns para o despedimento e que a intención da empresa é amedrentar o resto do persoal para que non reclame os seus dereitos e reducir custes", valorou López Rei.  

Chamada ao Concello para que interveña

A representación social puxo esta situación en coñecemento do Concello de Arteixo e mesmo mantivo un encontro informal hai uns días co alcalde para pedir a súa intervención e evitar os despedimentos. O rexedor comprometeuse a abrir unha vía de diálogo coa concesionaria para a readmisión dos traballadores e manifestou que existían queixas de usuarios/as pola baixada da calidade do servizo. Por esta razón, aseguroulles, está encargada unha auditoría externa para avaliar a situación das instalacións, "da que por agora non sabemos nada", matiza López Rei.

Sobre as queixas dos usuarios e usuarias, Cougil destacou os problemas que existen coas duchas, nos ambientes na piscina "onde sempre vai frío", ou as deficiencias coas actividades "que quitan e poñen sen avisar".

"En calquera caso, subliñou López Rei, o Concello de Arteixo ten instrumentos abondo para facer que unha empresa privada que xestiona un recurso público cumpra coa legalidade e se aveña a negociar". A este respecto, denunciou que a pesar de xestionar un servizo público, BeOne está actuando como unha empresa "voitre, que o único que pretende é obter máis beneficios, prestando un servizo pésimo e acosando o persoal para que non reclame os seus dereitos".

Reparto de follas informativas entre usuarios/as

Para informar dos motivos da folga, os traballadores e traballadoras van realizar un reparto de follas informativas ao longo desta semana entre os usuarios e usuarias da piscina, pedíndolle que a partir do día 16 non acudan ás instalacións "porque non haberá actividades". Neste senso, pediron desculpas polos prexuízos que isto poida xerar e chaman a empresa a "recapacitar e abrir unha mesa de negociación" e ao Concello a "que tome as medidas oportunas para que esta folga non se teña que efectivizar e se respecten os dereitos das traballadoras/es e das/os usuarias/os".

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

A CIG súmase á campaña "Mañá podes ser ti" promovida por...

O evento, que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de xaneiro,...

Día 16, 17 y 18 (continuación). P.A. 14/17. 9.30 horas. Estafa....

AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA

Sección primera.

Días,...