Información
Galicia

A velada de homenaxe a Emilia Pardo Bazán no seu 167 aniversario premia novas olladas á Coruña inspiradas na súa Marineda literaria

Información
22 Septiembre 2018 118 votos

2018 09 21 Velada Emilia Pardo BazanA Casa-Museo Emilia Pardo Bazán volveu vestirse de gala este serán na celebración do 167 aniversario da escritora, nada o 16 de setembro de 1851. A velada de homenaxe á autora, celebrada o ano pasado por primeira vez grazas á colaboración da Casa-Museo e Marineda City, trouxo de novo ao século XXI o espírito dos encontros literarios que a propia Emilia Pardo Bazán organizaba no seu fogar. O centro comercial que leva o nome literario que a escritora lle deu á cidade da Coruña patrocinou o encontro, conducido polas actrices de Inversa Teatro no seu papel de mulleres ilustradas do século XVIII, que fixeron con humor constantes referencias á homenaxeada. Neste marco entregáronse os premios de relato breve e fotografía do I Concurso "Iconografías sobre Marineda" aos gañadores, Eva Castro, Andrés López Docampo e Luis Vázquez Álvarez, e servíronse os petiscos elaborados polo chef Javier Rodríguez Ponte Taky inspirados no receitario de Emilia Pardo Bazán.

 

O presidente da Real Academia Galega e director da Casa-Museo, Víctor F. Freixanes, salientou que a institución que preside estará sempre agradecida á persoa de Emilia Pardo Bazán e aos seus herdeiros. "Grazas a eles a nosa institución goza dunha situación digna na cidade da Coruña, na casa grande da rúa Tabernas", indicou. Este agradecemento, engadiu, leva consigo asemade un compromiso: a custodia e coidado de documentos, enxoval e arquivos da autora, que están depositados na Academia. "Aínda que non utilizou a lingua galega nos seus escritos, ninguén pode discutir a significación da autora de Los pazos de Ulloa, Madre naturaleza ou La tribuna na construción do universo simbólico da Galicia universal, igual que Valle-Inclán, Concepción Arenal, Wenceslao Fernández Flórez, Francisco e Xulio Camba, Torrente Ballester e tantos outros. Estas veladas da Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, que forma parte da Real Academia Galega, constitúen unha homenaxe que todos os anos lle facemos á figura e á obra da nosa escritora", abundou.

A xerente de Marineda City, Ana López, tamén recordou o vinculo "especial" do centro comercial coa escritora, neste caso a través do nome literario que esta lle deu á cidade da Coruña. "Por iso continuamos mantendo e fortalecendo a nosa colaboración coa Casa-Museo para difundirmos a figura e a obra da autora de La Tribuna, que hoxe se materializa nesta segunda velada-homenaxe e no I Concurso Iconografías sobre Marineda, que patrocinamos", destacou. "Esta colaboración é, sen dúbida, un paso máis na reafirmación do centro comercial como impulsor da vida cultural da Comunidade e reforza o noso afán por que Marineda sexa partícipe e actor relevante da súa contorna inmediata tanto no ámbito económico como no social e cultural".

Víctor F. Freixanes e Ana López entregáronlles aos gañadores do I Concurso Iconografías sobre Marineda os premios de relato breve en galego e castelán, respectivamente, mentres que a académica Margarita Ledo fixo entrega do de fotografía. As obras gañadoras foron galardoadas con mil euros cada unha e recompiladas nunha edición especial entregada aos asistentes á velada. Na modalidade de relato breve (máximo 4.000 palabras) en galego a gañadora foi Eva Castro por "Eu non son de ninguén", de acordo coa decisión do xurado composto por Víctor F. Freixanes; a directora de Baía Edicións, Belén López Vázquez; e a escritora, docente e secretaria xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Mercedes Queixas. O xurado da modalidade de relato breve en castelán estivo formado polo director da Real Academia Española, Darío Villanueva; a profesora da Universidade da Coruña e académica correspondente da RAG, Olivia Rodríguez e o director de Ediciones del Viento, Eduardo Riestra, quen escolleron como mellor texto "El faro del fin de mundo" de Andrés López Docampo. A directora do Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy, Carmen Fernández; a deseñadora Uqui Permui e a catedrática de Comunicación Audiovisual da USC e académica Margarita Ledo conformaron o xurado do premio de fotografía, encargado de seleccionar as imaxes finalistas. A gañadora, "Ondas do mar do Orzán" de Luis Vázquez Álvarez, foi elixida posteriormente por votación popular a través da rede social Facebook.

Tras a entrega dos premios, a conservadora da Casa-Museo, Xulia Santiso presentou a conversa entre o presidente da Academia Galega de Gastronomía, Javier Ozores, e o chef Javier Rodríguez Ponte Taky arredor da reinterpretación das receitas de Emilia Pardo Bazán que este último realizou para a ocasión. Entre outros petiscos, o público puido degustar bacallau en brandada con migas de pan de broa e ameixas negras, sardiña lañada e afumada con ensalada de pataca, espetos de polbo con vinagreta de encurtidos ou sopa de allo con xamón e ovos de paspallás.

O programa continuou coa representación por parte de Inversa Teatro dun fragmento de Té con Kant. O espectáculo, escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez e interpretado por esta última e María Roja, rememora con humor os salóns ilustrados femininos clandestinos do século XVIII. A velada concluíu coa interpretación colectiva do tema musical "Emilia Pardo Bazán" de De Vacas, composto o ano pasado polo grupo para a primeira velada de homenaxe á escritora.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi