Información
Galicia

Cesamento da actividade da produtoras máis lonxeva de Galicia, con 20 anos de historia, responsábel de programas senlleiros como Desde Galicia para el mundo, outra manobra de María del Mar Sánchez Sierra.

Información
15 Octubre 2018 235 votos

O CPXG lamenta o peche de Pórtico e reclama medidas que velen polas condicións laborais nas subcontratas dos medios
 

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lamenta o ERE de extinción presentado por Pórtico Comunicaciones S.L. Así mesmo, solidarízase cos 19 traballadores da produtora despedidos este 12 de outubro e reclama que o peche se realice con total respecto aos seus dereitos laborais.

 

O cesamento da actividade dunha das produtoras máis lonxevas de Galicia, con 20 anos de historia, responsábel de programas senlleiros como Desde Galicia para el mundo e que chegou a empregar a máis de 30 traballadores, é sempre unha mala noticia para o ecosistema informativo galego e para o conxunto da profesión, comezando polo propio cadro de persoal da empresa. Pórtico aduce, nas cartas de despedimento enviadas aos traballadores, causas económicas para o cesamento da actividade, provocadas supostamente por unha excesiva dependencia do capital público, especialmente da CRTVG. Con todo, cómpre ir máis alá e salientar que o despedimento e só o último episodio dunha serie de golpes recibidos polo persoal.

Nos últimos meses, producíranse nesta empresa determinadas prácticas que tamén é necesario lamentar. Ao longo do ano 2017, foron presentados dous Expedientes de Regulación Temporal de Emprego, ambos os dous impugnados e rexeitados nos tribunais. Entrementres, adxudicáranselle a unha xornalista, de volta dunha baixa por maternidade, labores de trascrición, sen que, segundo a sentenza que condenou a Pórtico a indemnizala, "se lograra explicar por que o groso das súas funcións se encontraban por baixo da súa capacidade profesional". Un informe de riscos psicosociais, realizado tamén ese mesmo ano, advertía un nivel de exposición ao risco moi elevado en cinco de nove factores psicosociais, ademais de risco moderado noutros dous.

Lamentabelmente, situacións como estas non son estrañas no ámbito da comunicación. Mais deben facernos reflexionar sobre cal é o grao de vixilancia que os medios poden ou deben exercer sobre as condicións laborais e profesionais nas súas subcontratas. A contratación de programas non pode ser a vía de entrada para prácticas que nunca terían cabida entre o persoal dos propios medios. Por iso, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia solicita aos medios galegos a implantación de medidas de control que impidan nas subcontratas as malas prácticas laborais que son incompatíbeis co desenvolvemento dun xornalismo libre, plural e ético.

Xunta de Goberno

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia
Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.">Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
http://www.xornalistas.com/">www.xornalistas.gal
Tel. 981 93 56 70
Fax 981 93 56 69



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi