Información
Noticia destacada de Galicia

OS PARLAMENTARIOS SOCIALISTAS MANTERÁN NO PLENO QUE O PP É UN PARTIDO CONDENADO “POR CORRUPCIÓN”

Información
Galicia 19 Junio 2018 1331 votos

Xoaquín Fernández Leiceaga reclama coñecer o informe dos servizos xurídicos co que o presidente da Cámara quixo impedir alusións á condena da Gürtel. Os deputados e deputadas do Grupo Socialista manterán hoxe no Pleno do Parlamento que o PP é un partido condenado “por corrupción”, logo dos intentos do presidente da Cámara por impedir as alusións á condena da primeira peza da Gürtel contra aquel partido.

 

Ao comezo da sesión, o portavoz socialista anunciou a negativa do Grupo a admitir a dita prohibición por parte do presidente da Cámara e anunciou que “usaremos expresións como que o PP está condenado civilmente por corrupción como partícipe a título lucrativo”.

Fernández Leiceaga reclamoulle sen éxito ao presidente da Cámara que dera lectura diante do Pleno do informe elaborado polos servizos xurídicos da Cámara, datado a 4 de xuño. Aquel foi esgrimido polo propio Santalices na sesión de control do día 6 como xustificación para impedir alusións á condena da Gürtel, pero que sen embargo non foi compartido cos grupos parlamentarios.

Daquela provocou a petición dos socialistas de que o presidente dera a coñecer un informe no que se apoiaba para regular as expresións na Cámara pero que sen embargo era ocultado aos seus membros, impedindo, como dixo entón Leiceaga, que os portavoces coñeceran “o que se pode e non dicir”.

Logo de provocar a convocatoria dunha Xunta de Portavoces específica para discutir este mesmo asunto, o presidente da Cámara respondeu o 12 de xuño presentando esta vez si un documento pero que non era o informe orixinal, senón unha “nota aclaratoria” datada o día anterior, 11 de xuño.

Liberdade de expresión

A primeira deputada en aludir ao PP como partido condenado por corrupción foi a portavoz de Igualdade e Urbanismo, María Pierres, quen no debate dunha proposición de Lei citou a Orwell para sinalar que “se algo significa liberdade de expresión é o dereito a dicirlle á xente aquelo que non quere oír”.

Apuntou a continuación que “nin esta deputada nin ningún dos meus compañeiros e compañeiras de grupo imos deixar de exercitar un dereito fundamental, como o da liberdade de expresión,  que é fundamental en calquera ámbito pero aínda máis nun lugar coma este onde se debaten as ideas e se constrúen dereitos e deberes”.

Otros articulos relacionados.....