Información
Noticia destacada de Galicia

Fran Cartelle, afirma que “foi un ano perdido para a recuperación do emprego de calidade” pola apatía e falla de interés de Feijóo.

Información
Galicia 05 Enero 2019 221 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

No mes de decembro rexistráronse en Galiza 169.295 persoas desempregadas, 1074 menos que no mes de novembro (-0,63%). Un descenso empurrado pola contratación para a campaña de Nadal que aínda así foi menor que na media do Estado, onde se reduciu o paro rexistrado nun 1,55%. Diante desta situación que se vén repetindo ao longo de todo 2018, o secretario confederal de Emprego e Industria da CIG, Fran Cartelle, afirma que “foi un ano perdido para a recuperación do emprego de calidade”.

 

A temporalidade e a precariedade do mercado laboral en Galiza e o carácter estacional fanse patente nos datos de contratación. De feito, no noso país asináronse un total de 72.251 contratos, dos que 66.023 foron temporais (o 91,4%), maioritariamente no sector Servizos, onde se rexistraron un total de 57.357 contratos, 52.744 deles temporais. 

O 91,4% dos contratos asinados neste período foron de carácter temporal

Para Cartelle esta situación é consecuencia do continuísmo por parte do PSOE nas políticas de emprego “por non ter afrontado a desactivación dos efectos perversos das reformas laborais dos últimos anos”, o que “imposibilita a recuperación de dereitos e a creación de emprego de calidade”.

O secretario confederal de Emprego e Industria subliña que “en decembro baixou o paro un punto menos que no mesmo mes do ano pasado” e que isto se correspondeu, novamente, ao sector Servizos.

Descende a afiliación á Seguridade Social

Máis unha vez dáse o paradoxo de que, a pesar de haber menos persoas desempregadas rexistradas nos servizos públicos de Emprego, descende tamén a afiliación á Seguridade Social respecto do mes anterior en 3764 afiliadas de media respecto ao mes de novembro. Confírmase de novo que “a destrución de emprego é moi superior ao que se percibe no paro rexistrado”.

As explicacións a este desfase poden ser múltiples, pero as máis plausibles para a CIG son, por unha banda a emigración e, pola outra, a falta de confianza e utilidade no propio SEPE.

Fran Cartelle denuncia ademais o enorme risco de empobrecemento que persiste entre as persoas desempregadas xa que do total de parados/as rexistrados/as un total de 82.758 non teñen ningún tipo de prestación. “O peor é que de entre aqueles/as que si a teñen, máis do 50% son subsidios, Rendas de Inserción Activa ou do programa de Activación de Emprego”, alerta. Por iso urxe “un cambio de rumbo nas políticas de emprego” que considera “vital para rematar co modelo de traballo precario construído por esas contrarreformas laborais do PSOE e do PP”.

Diante desta situación o secretario confederal de Emprego denuncia ademais das políticas do PSOE, a “incapacidade” do Goberno de Núñez Feijóo “para arbitrar medidas que poidan paliar esta situación en Galiza, nin sobre o emprego nin sobre a protección social”.

lineaazul 1600

Otros articulos relacionados.....

A CIG súmase á campaña "Mañá podes ser ti" promovida por...

O evento, que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de xaneiro,...

Día 16, 17 y 18 (continuación). P.A. 14/17. 9.30 horas. Estafa....

AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA

Sección primera.

Días,...