Neste mes de novembro publicáronse dúas importantes modificacións normativas da Lei que regula o Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia (1 e 2).
A primeira delas, que regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, foi argumentada polos responsables de Política Social como medida para reducir a metade os prazos das listas de espera, pero na realidade non só non os reducen, senón que mesmo reducen dereitos a cidadanía, como xa temos denunciado.
A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar, Margarida Prieto Ledo, alerta de que, unha vez máis, a Xunta de Galicia está a disimular con modificacións lexislativas a súa reiterada neglixencia da xestión dun servizo social tan sensíbel como é a atención ás persoas dependentes, cuxa ínfima dotación económica por parte tanto do Estado como da comunidade autónoma está a agravar a situación de vulnerabilidade de milleiros de persoas e das súas familias.
A día de hoxe, tramitar a dependencia en Galicia prolongase máis dun ano (371 días de media), a maioría bastante máis. Persoas que a solicitaron en xaneiro do 2023 foron citadas para valoración no mes de outubro, e logo inda teñen que agardar arredor de dous meses para acceder á valoración, e outros dous ou máis para a aprobación do PIA (Plan Individual de Atención). Na actualidade temos 2.693 persoas pendentes de resolución.
Ademais, subliña a vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social, “segundo o Observatorio da Dependencia, das 1.010 persoas que abandonaron a lista de espera de resolución de prestación [en 2022], o 35,35% fixérono como consecuencia do falecemento da persoa e non pola xestión da comunidade autónoma, isto é gravísimo".
Moi posibelmente vinculado a este deficiente funcionamento na atención, a nivel estatal Galiza é a comunidade autónoma que menos solicitudes de dependencia rexistra respecto das persoas potencialmente dependentes. Cunha poboación de 2,690.464, temos 485.558 persoas potencialmente dependentes e so 83,578 solicitudes, polo tanto, seguramente desanimadas polas dificultades na súa solicitude e as dilatadas esperas na súa concesión, so un 17,21% das persoas que deberían contar con esta prestación a solicitan.
No tocante á segunda modificación lexislativa, que afecta á regulación o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, resulta preocupante comprobar que os incrementos na parte adicional das Comunidades no noso país deixan fóra o 64% dos dependentes. É dicir, no que se refire ás que se asignan as axudas de coidadores familiares, a 31 de outubro eran 17.383, o 19,5 % dos totais, dos cales o 29% son de grao III e so se lles vai incrementar a axuda que están percibindo en 384 euros anuais. Os outros colectivos obxectivo son as persoas dependentes que están percibindo dunha axuda vinculada (Bono residencial de 1200 euros), que so significan o 16,5 % dos dependentes 14.670 persoas.
Con este contexto, apunta a representante do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social, “resulta indignante escoitar á conselleira Fabiola García nos medios de comunicación afirmando que 20.000 familias van ser beneficiarias dunha axuda de 5.000 euros ao ano para as personas con dependencia que reciben atención nos sus domicilios”.
Unha vez máis comprobamos como dende a Xunta se prioriza a privatización dos servizos, servindo de desculpa para non dotar de prazas públicas abondo.
Aliás, subliña Margarida Prieto, cómpre destacar que “con estas modificacións unha vez máis déixase fora e ao borde do colapso o Servizo de Asistencia no Fogar (SAF)”. Na Galiza son atendidas polo SAF 26.000 persoas. Actualmente o servizo de axuda no fogar é xestionado polos concellos, e financiado en gran medida por estes. Nos últimos meses houbo un incremento moi importante dos custos, reflectido nas adxudicacións que marcan a hora por riba dos 20€ e en moitos casos en 25€ e 27€, ás persoas usuarias.
Así, as persoas usuarias van ver incrementada a intensidade do servizo polas modificación do mes de xullo do Estado e adaptacións normativas da Xunta, pero non se incrementa o financiamento por parte da Xunta, que se sitúa en 12 euros/hora, e que segundo denuncian os concellos no propio ditame emitido pola FEGAM na tramitación desta orde, a curto prazo vai ser inviable. Xa no mes de febreiro deste ano no Consello Galego de Benestar rexeitouse a proposta de módulo de financiamento do SAF por insuficiente.
Esta situación de carencias no financiamento, así como as demoras nas listas de agarda, inciden directamente sobre as mulleres, que somos na Galiza o 85% das coidadoras, e de xeito diferenciado nas mulleres labregas, que moitas veces sen ningún tipo de axuda ou cun servizos moi deficitarios facémonos cargo dos coidados das persoas dependentes a conta da nosa propia saúde.
Dende o SLG-CCLL esiximos á Xunta de Galicia que abandone a propaganda e comece a aplicar políticas e activar orzamentos que poñan solucións reais as graves deficiencias que temos na Galiza na aplicación da Lei de Dependencia.