Barra libre para as enerxéticas: o goberno español entrega o 88% do territorio galego á especulación eólica

Información
24 Enero 2023 - Eólicas - Correo electrónico - Imprimir - 291 votos
social youtube xornalgalicia   feed-image

Suprime a avaliación ambiental sen límite de potencia para todos os parques eólicos e fotovoltaicos

O Parlamento español vai convalidar o RDL 20/2022 que elimina durante dous anos a necesidade de someter a avaliación ambiental os proxectos de renovábeis. Esta medida excepcional e transitoria (até o 31 de decembro de 2024) consolida unha caste de "estado de excepción ambiental" no que os dereitos de participación pública e a un medio ambiente sano fican suspensos a maior gloria do negocio eléctrico. O Ministerio segue así a estela de Feijóo na Xunta, que através de leis como a de "depredación" e simplificación administrativa eliminou trámites e reducíu prazos para poñer nas mans das eléctricas milleiros de hectáreas de territorio galego.

O RDL 20/2022 incide aínda máis na desprotección do territorio, consolida un trato de favor e cría inseguridade xurídica

A norma (RDL 20/2022) vai moito máis aló que a súa predecesora o RDL 6/2022. Daquela os proxectos eximidos de avaliación ambiental, que ficaba substituída por un informe de determinación da afección ambiental, non podían superar os 75 MW eólicos. Agora non hai límite de potencia para se acoller a esta medida excepcional. Tamén, no decreto anterior, ademais dos espazos da Rede Natura 2000 e do medio mariño, quedaban fóra desta medida excepcional aquelas áreas que na  "Zonificación ambiental para a implantación das enerxías renovábeis" elaborada polo propio Ministerio, estaban consideradas como de moderada e alta sensibilidade, incluindo áreas chave para a conservación de especies protexidas. Na norma recén convalidada, desaparece calquera mención a esta zonificación, e ademais da RN2000 só fóra desta medida excepcional os espazos oficialmente protexidos.

Para ADEGA este novo "decreto de excepción" supón unha grave e perigosa perda de dereitos cidadás, comezando polo de participación pública, na avaliación ambiental dos proxectos. Deste xeito, e só co estudo de impacto presentado polo promotor, o Ministerio poderá autorizar un parque, sen agardar tampouco polos informes preceitivos que teñan que xirar outras administracións.
E aínda que a Rede Natura 2000 está exenta de acoller proxectos susceptíbeis de someterse a esta tramitación "express", iso non implica necesariamente a ausencia de impactos sobre hábitats e especies para os que as Directivas 92/43 CEE (de Hábitats) e 2009/147/CE (de Aves) establecen unha protección, tanto dentro como fóra da RN2000.
Tamén, a exención do trámite de avaliación de impacto coas conseguintes eivas na salvagarda dos dereitos ambientais, discrimina claramente aos proxectos de renovábeis fronte a outras iniciativas que seguen estando suxeitas á avaliación ambiental segundo a lei 21/2013. Deste xeito, pode acontecer que un parque eólico que atinxe milleiros de hectáreas, sen límite algún para a potencia instalada e quilómetros de pistas, desmontes e liñas de evacuación fique exento, mentras que outros proxectos con menos incidencia territorial deban (como non pode ser doutro xeito), pasar o trámite ambiental.
Esta norma cría tamén unha preocupante inseguridade xurídica, xa que as excepcións que introduce poden colidir coa normativa europea. Malia a que a Directiva 2011/92/UE de Avaliación de Impacto deixa unha "porta traseira" (art. 4) á exención do trámite ambiental, esta só pode aplicarse a proxectos concretos e non a tipoloxías enteiras como é o caso de todas as instalacións eólicas e fotovoltaicas sen distinción. Asemade un recente Regulamento da UE (2022/2577) determina que a planificación das zonas para a implantación de renovábeis debe someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica, feito que este RDL 20/2022 obvia.
Dende ADEGA exploraremos todas as vías administrativas e xudiciais para reverter as nefastas consecuencias que para o ambiente e os recursos públicos podería ter esta norma.

Agravio comparativo para Galiza con respeito a outros territorios

A convalidación deste Real Decreto ten como resultado a apertura dunha enorme porción do noso territorio, nin máis nin menos que o 88%, á especulación eólica. E acontece isto porque Galiza só conta con arredor dun 12% de superficie protexida baixo a Rede Natura 2000, fronte á media estatal de máis do 27% (Castela e León, 26%; Asturias, 27%: Madrid case 40%). Xa que logo a presión das eléctricas por ocupar espazo, que atrestora é xa unha auténtica "febre do megawatio" será o triplo de intensa en Galiza que no resto do Estado, e igualmente os impactos derivados desta implantación desordenada.
Neste evidente agravio comparativo ten moito a ver a Xunta polo abandono e a nefasta planificación da Rede Natura 2000, que mesmo deu lugar á apertura dun expediente contra o Estado español por parte da Comisión Europea e ao envío dunha carta na que lle comunicaba a España da apertura dun procedemento formal de infracción (2015/2003). A Comisión Europea considerou que en Galiza existíu unha práctica xeralizada e persistente de non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados e cuantificados para os espazos da RN2000.
O secular desleixo da Xunta coa Rede Natura agravará os efectos deste novo decreto sobre o noso ambiente, que sairá moito pior parado que outros territorios.

Chove sobre mollado: a Xunta fixo de Galiza un parque industrial eólico

As consecuencias deste novo recurte dos dereitos ambientais terán un impacto máis intenso en Galiza, onde chove sobre mollado, que noutros territorios do Estado. Durante a era Feijóo, a caduca e insustentábel planificación eólica xunto co sistemático demoucado legal perpetrado con normas como a "Lei de Depredación", a de Simplificación Administrativa e as sucesivas "leis de acompañamento orzamentarias" convertiron milleiros de hectáreas de territorio nun polígono industrial eólico.
Arestora os espazos que aínda fican libres de muíños están ameazados por ducias de novos proxectos tramitados tanto pola Xunta (os de menos de 50 MW) como polo Estado (os que superan esa potencia). Estas novas medidas dan máis facilidades ás empresas para tramitar os seus proxectos, aumentando considerabelmente a presión sobre un territorio xa previamente asoballado. O papel das administracións, teoricamente garantes dos dereitos e intereses públicos, virou unicamente en dispensadoras de permisos. Dos principios de eficacia, efciencia, obxectividade, economía e celeridade que as administracións deben respectar nas súas actuacións, semella que fica só o de celeridade. Mais por aforrar uns meses na tramitación pódense provocar prexuízos que duren décadas ou que sexan irreparábeis...

Novas relacionadas