Información
Localidades de Galicia

Denuncia “información privilexiada” para que os alcaldes do PP reciban 3,5 millóns de euros en subvencións

Información
25 Septiembre 2018 157 votos

A portavoz de Facenda e Política Local do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, censurou hoxe que o goberno do PP demostre “moito pico e pouca pala” ao incrementar as obrigas para os concellos mentres lles reduce o financiamento. Así o dixo durante o debate dunha moción para incrementar transferencias finalistas e con criterios obxectivos para os concellos, que foi vetada polo PP.

 

Rodríguez Rumbo denunciou que o goberno galego “cadra as contas mentres nos di contos” ao restrinxir o financiamento local e obriga aos concellos a tomar cartas á hora de evita a exclusión social e económica dos veciños que están a sufrir a crise. Denunciou que logo de 9 anos de goberno “non fixeron absolutamente nada” por atender ás demandas da Fegamp.

Os socialistas galegos reclamaron hoxe que a Xunta consensúe coa Fegamp unha Lei autonómica que regule o financiamento das entidades locais, establecendo ademais partidas non finalistas e integrando subvencións anuais no Fondo de Cooperación Local. Tamén propuxo un fondo específico anual coas transferencias non executadas no orzamento da Xunta de Galicia con destino ás entidades locais.

Información privilexiada

A responsable socialista criticou o veto do PP a esixirlle ao goberno galego que garanta a igualdade de acceso das entidades locais ás subvencións da Comunidade Autónoma, con criterios obxectivos e consensuados coa Fegamp. Rodríguez Rumbo acusou ao goberno galego de concederlle “información privilexiada” aos alcaldes do PP para que recibiran 3,5 millóns de euros -o 83 por cento- das subvencións de mellora de infraestruturas e equipamentos.

Denunciou que “actúan de forma caciquil, decidindo que concellos merecen as axudas e cales non” ao ter preavisados a unha serie de alcaldes para concorrer nunhas axudas repartidas por rigoroso orde de chegada e que foron esgotadas en apenas 12 minutos do día en que se abría o prazo.

Aludiu así á orde publicada por Ordenación do Territorio o pasado 25 de abril por un importe de preto de 4,4 millóns de euros en réxime de concorrencia non competitiva, polo que sería concedida por orde de chegada ata o remate do diñeiro. A orde foi publicada o 4 de maio, o prazo de presentación comezou ás 00.00 do 5 de maio e pechouse ás 00.12.18 dese mesmo día.

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi