Información
Localidades de Galicia

Carta dirixida ao Sr. presidente da Xunta de Galicia e o Sr. conselleiro de Sanidade.

Información
07 Enero 2019 115 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Excmo. Sr.:

Sirva esta carta para expresarlle o malestar crecente e as protestas cada vez máis frecuentes que a veciñanza do Grove nos traslada polas demoras nas consultas no centro de saúde da nosa vila.

 

Desde hai uns anos, progresivamente, os doentes comezaron a ter que agardar cada vez máis días para ter unha consulta co seu médico de familia. Esta situación agrávase máis aínda nos períodos vacacionais ou, se por algún motivo, un ou varios médicos están de baixa, xa que a maioría das veces estas ausencias non se substitúen ou só se substitúen parcialmente. Neses casos a atención dos pacientes fana os profesionais que seguen traballando polas “intersubstitucións”; porén, estes profesionais, coas súas consultas xa saturadas polos seus propios doentes, teñen que asumir parte dos enfermos doutras cotas, o cal xera aínda maior espera. Ante esta grave situación, as consultas que asumen son preferentemente as dos casos máis urxentes, deixando de atenderse as de seguimento de crónicos e mesmo as peticións de activación de receitas.

Cal é a solución para os pacientes? Acudiren ao PAC na procura de solución para o que necesitan. De verdade cre vostede que unha consulta de PAC (urxencias extrahospitalarias) é o lugar onde buscar a renovación das receitas ou que se faga un seguimento dunha patoloxía crónica?

A consecuencia de todo isto? Consultas de mañá saturadas, nalgúns casos con máis de cincuenta doentes por día (o cal implica que o tempo para atendelos sexa totalmente inadecuado por escaso) e con lista de espera, consultas de PAC atendendo patoloxías non urxentes e con pacientes molestos porque alí non encontran moitas veces a solución que buscaban (baixas laborais, derivacións a especialistas…).

Na actualidade, o noso centro de saúde ten dous dos seus médicos de baixa e estas ausencias non están a ser cubertas na súa totalidade; pero a situación vaise agravar nos próximos días, xa que outros dous médicos xubilaranse neste mesmo mes de xaneiro. As consultas, dependendo da cota, xa neste momento teñen esperas de entre sete e quince días (situación, xa de por si, inadmisible!!!). Coas baixas e as xubilacións o problema vai empeorar. Os médicos que continúan coa súa actividade non dan para máis… e aínda está por chegar o pico epidémico da gripe!!!

Así pois, se non se adoptan medidas con urxencia e non se substitúen completamente as baixas, a situación de descontento e protestas tornaranse nunha situación de caos e colapso da atención primaria na vila do Grove. Os nosos veciños están fartos de que as súas reclamacións sexan respondidas con cartas “proforma” feitas con copia/pega. A veciñanza do Grove non quere desculpas nin medias verdades, quere solucións!!!

Unha sanidade pública, gratuíta e de calidade é un dereito básico e irrenunciable, e con iso non se xoga nin se negocia. As críticas, manifestacións, protestas e folgas de diversos colectivos, asociacións e sindicatos de médicos e enfermeiras que estamos vendo, oíndo e vivindo nos últimos tempos non son o resultado dunha conspiración “político-xudeo-masónica”, non son unha mentira inventada para desprestixialo a vostede nin ao seu goberno, non son froito da desidia dos profesionais nin da súa falta de vontade por saíren desta crise. Son o resultado da deterioración progresiva que nos últimos anos ten sufrido a nosa sanidade e da falta de resposta por parte da Administración ás súas demandas e reivindicacións para mellorar a atención que se lles dispensa aos usuarios.

Presumía vostede hai uns días de que máis dun 80% dos galegos se sentían satisfeitos ou moi satisfeitos coa atención sanitaria que reciben. Pregúntelles a eses pacientes se estarían igual de contentos se cando se senten mal pedisen cita co seu médico e llela desen para dez días despois. Faga esa pregunta no Grove. Anticípolle xa a resposta: NON, NON ESTÁN SATISFEITOS NIN CONTENTOS!!!

Tamén aseguraba vostede días atrás que non hai médicos. Esa é unha media verdade e, polo tanto, unha mentira encuberta. Si que hai médicos, o que non hai son médicos que queiran traballar para o Sergas nas condicións laborais e económicas que se lles ofrecen.

Agora, poden vostedes intentar culpar a outros polos seus propios erros continuados, poden continuar a mentir e mesmo acabar por crer as súas propias mentiras... ou poden comezar a traballar polo ben dos usuarios da sanidade pública galega.

Quere culpables, señor Feijoo? Mire arredor seu!

A culpa de termos chegado a esta situación é da mala xestión e da falta de previsión do seu Goberno, da Consellería de Sanidade e dos seus xerentes. Falta de previsión, en primeiro lugar, sobre a cantidade de médicos que sería necesario formar. E non diga vostede que non estaban avisados! Asociacións como a AGAMFEC, SEMERGEN ou o propio Colexio de Médicos levan advertindo desde hai máis de quince anos do que ía ocorrer. Agora lembráronse desa necesidade…, pero tárdase un mínimo de dez anos en formar novos médicos!!!

A culpa é da reestruturación do modelo sanitario en EOXI, que primaron a atención hospitalaria ignorando a atención primaria.

A culpa é tamén dos recortes que se fixeron na sanidade galega, que impediron mellorar os soldos e incrementaron o traballo de quen xa estaba saturado porque non querían pagar substitutos. Sempre pedíndolles un esforzo máis aos profesionais; outra volta de porca máis..., pero sen contrapartidas.

A culpa é do incumprimento do que se pacta cos traballadores, tanto a nivel retributivo como a nivel asistencial, de medios técnicos e de acceso a probas secundarias.

Cal é a consecuencia de todo isto, señor Feijoo? Que agora temos poucos médicos dispostos a quedaren a traballar en Galicia, e os que quedan están descontentos polas dificultades de desenvolver correctamente o seu traballo, saturados e mal pagos.

Quere tamén solucións, señor presidente? Pois aí lle deixo algunhas:

A curto prazo, mellore as condicións laborais e o trato aos profesionais, aumente os orzamentos para Sanidade e páguelles mellor aos médicos e verá que non foxen de aquí!

A longo prazo débense aumentar as prazas de formación, tanto para comezar os estudos na Facultade de Medicina como para a formación especializada en Medicina Familiar.

Xa que logo, desde este concello doulle ideas ben sinxelas tanto a curto como a longo prazo para resolver esta progresiva degradación da atención sanitaria nos centros de saúde que vimos vivindo desde hai xa anos. De vostede depende telas en conta ou continuar a esconder a cabeza como a avestruz, mirar para outro lado, continuar a facer oídos xordos ás xustas demandas que tanto os profesionais dos centros de saúde, dos PAC, das ambulancias, etc., como os propios veciños están a pedir.

O descontento é xeral, tanto por parte dos traballadores como dos usuarios, e a situación pode tornarse insostible nun prazo ben curto de tempo se non se fai nada ao respecto de inmediato.

Nas súas mans e baixo a súa responsabilidade queda.

Fco. Javier Caneda Vidal

Concelleiro de Sanidade do Concello do Grove

 

Bo día,
Por indicación do Sr. alcalde e do Sr. concelleiro de Sanidade, D. Fco.
Javier Caneda Vidal, achégolles carta dirixida ao Sr. presidente da Xunta de
Galicia e o Sr. conselleiro de Sanidade.
Un saúdo
Alcaldía do Grove

lineaazul 1600

A CIG súmase á campaña "Mañá podes ser ti" promovida por...

O evento, que terá lugar o vindeiro sábado, 19 de xaneiro,...

Día 16, 17 y 18 (continuación). P.A. 14/17. 9.30 horas. Estafa....

AUDIENCIA PROVINCIAL DE A CORUÑA

Sección primera.

Días,...