Información
Localidades de Galicia

Galicia mobilizouse contra as políticas de Feijóo en todas as cidades do país para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega

Información
14 Marzo 2019 117 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A CIG comezou as mobilizacións deste Día da Clase Obreira Galega coa tradicional ofrenda floral o pé do monumento que en Ferrol lembra a Amador Rei e Daniel Niebla, os dous traballadores de Bazán asasinados en 1972 pola policía franquista durante as mobilizacións do persoal dos estaleiros en demanda dun convenio colectivo. Con esta loita na retina, mais tamén coa histórica folga e as masivas mobilizacións que este 8 de Marzo rebordaron Galiza, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, chamou a non quedarse de brazos cruzados ante o medre da precariedade, do empobrecemento, o incremento das desigualdades de xénero, o desmantelamento industrial, o peche de empresas ou a sangría da emigración que azoutan Galiza.

 

Carril puxo as casos de Alcoa, Ferroatlántica ou Poligal como exemplo do proceso de crise e desertización industrial en Galiza e valorizou a loita dos traballadores e traballadoras de ambulancias (que levan tres semanas en folga polo seu convenio), do persoal da sanidade (en revolta continúa contra os recortes e o deterioro deste servizo público  esencial) ou a dos xubilados e xubiladas de Endesa contra a decisión da multinacional Enel de recortar os seus dereitos adquiridos.

As próximas eleccións, unha oportunidade

"Ninguén nos vai salvar desta situación, é a clase obreira quen ten que tomar iniciativas e asumir máis compromiso para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas", aseverou. Pero Carril tamén quixo chamar a atención sobre os próximas convocatorias electorais como unha oportunidade para cambiar esta realidade, "conscientes de que as saídas para o noso futuro pasan por apostar nas forzas políticas propias, autenticamente nacionalistas e de esquerdas, que defenden os nosos intereses sen hipotecas, sen obediencias a Madrid".

A este respecto, o secretario xeral da CIG denunciou o desinterese do Goberno español do PSOE por cambiar as políticas do PP, mantendo o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas de 2010, e sobre todo da reforma de 2012, que teñen significado "un auténtico atentado e golpe de Estado aos dereitos laborais, sociais e de negociación colectiva".

De feito, as medidas aprobadas nos últimos meses ou as que contiñan os frustrados Orzamentos Xerais do Estado para 2019 que no seu día pactaron PSOE e Podemos "eran claramente insuficientes, inxustas, recortaban de maneira significativa a inversión en Galiza e eran continuístas ao manterse as reformas das pensións de 2011 e 2013".

Feixoo cada día "máis avergoñado de ser galego"

Tampouco  o Goberno galego, co seu presidente á cabeza, advertiu Carril, ten vontade para aprobar medidas que permitan frear a grave emerxencia social e nacional que atravesa Galiza, malia disfrazarse cun discurso crítico e reivindicativo contra o Goberno de Madrid. "Ao contrario, é un Goberno pasivo e inactivo á hora de tomar iniciativas a favor da creación de emprego digno e do desenvolvemento económico , industrial e social de Galiza". Carril acusou á Xunta de Feixoo de "renegar dos galegos e das galegas" e vivir acomodado "no seu papel de servil criado ás políticas antisociais e antigalegas que veñen de Madrid e Bruxelas".

O secretario xeral da CIG denunciou que "Feixoo cada día ten máis complexos e máis vergoña de ser galego, envolvéndose na bandeira de España, como fixo recentemente na Praza de Colón en Madrid, con Vox e Ciudadanos, para agachar as súas frustracións e o desastre das súas políticas".

Crer nas capacidades da clase traballadora

Con este contexto de fondo, Carril recalcou en que calquera avance en dereitos laborais e sociais precisan "de crermos nas nosas capacidades colectivas como clase traballadora e como pobo galego".

E insistiu no feito de que as solucións non virán da man dun poder político ou dunhas forzas políticas que defenden unha estrutura do Estado español que nega a súa realidade plurinacional, ou que, incluso sendo teoricamente de esquerda, "contribúen coa súa práctica á continuidade de medidas que saquean e rouban ás maiorías sociais e aos proceso de concentración e acumulación de riqueza en menos mans e en territorios lonxe da Galiza".

Nesta profunda crise económica na que aínda estamos, evidénciase o fracaso do sistema autonómico español, "descaradamente contrario á clase traballadora galega" e que conduce á consolidación dunha situación en Galiza "sen saída, sen posibilidade de avanzar en dereitos laborais e sociais". Pero evidénciase tamén que o chamado diálogo social, "que lamentabelmente seguen a practicar CCOO e UGT coa patronal e cos gobernos", só serve para lexitimar a prolongación desta crítica situación.

Fronte isto, Carril rematou a súa intervención facendo un chamado á loita da clase obreira galega, do pobo galego, como a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar políticas alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas.

lineaazul 1600

Celebrarase do 5 ao 29 de abril nos restaurantes, ao igual que...

Con previsión de vientos flojos a moderados que además se harán...

20.03.2019.- As bases que rexen o certame pódense consultar no...

El próximo sábado 27 de Abril de 2019 a las 15.00 horas arrancará...

lineaazul 1600