Información
Lugo

O campus de Lugo capta 107 alumnos estranxeiros procedentes de 13 países de África, América, Asia e Europa

Información
06 Septiembre 2018 314 votos

Varela Zapata e Montse Valcárcel, con estudantes internacionais na terraza da Casa do Saber

A USC formalizou xa este curso a matrícula de 107 estudantes internacionais procedentes de 13  países de Europa (Portugal, Italia, Francia e Turquía), América (México, Arxentina, Brasil e Chile), África (Alxeria) e Asia (Xordania, Palestina, Xapón e China) nos diferentes títulos de grao implantados nos centros universitarios do campus de Lugo.

Esta primeira quenda de estudantes internacionais, cuxa cifra podería aumentar ao longo do segundo semestre cando se resolvan as convocatorias aínda abertas dos programas de mobilidade, representa un incremento do 20% do alumnado estranxeiro matriculado no Campus Terra da USC, respecto ao pasado exercicio, segundo sinalou Jesús Varela Zapata, adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos.

 

Alén destas estatísticas, que apuntan a progresiva internacionalización do Campus Terra da USC, tamén cursarán estudos nos centros universitarios lugueses durante o presente exercicio académico outros 12 alumnos de intercambio chegados a través do programa de mobilidade Séneca-Sicue desde outras universidades españolas, tales como a Universidade Complutense de Madrid, Córdoba, Girona, Granada ou, entre outras, Valladolid.

 

A maioría dos universitarios internacionais que ampliarán este curso a súa formación no Campus Terra da USC chegaron a Lugo a través de distintos convenios bilaterais entre a USC e as súas universidades de orixe, así como do programa de mobilidade estudantil transnacional Erasmus. Ademais, cómpre sinalar que outros universitarios/as formalizaron a súa matrícula nas distintas facultades e escolas universitarias do Campus Terra logo de acollerse ao programa Erasmus+ International Credit Mobility KA107. Alén destas cifras, o número global de estudantes e investigadores estranxeiros que está a ampliar a súa formación nos centros universitarios do campus de Lugo da USC é maior, xa que as estatísticas rexistradas na Oficina de Relacións Exteriores (ORE) da USC non contabilizan profesores e investigadores visitantes nin alumnos de mestrados ou programados de doutoramento.

 

Xornada de acollida

Unha ampla representación deste estudantado foráneo que xa está asentado en Lugo participou este xoves na xornada de acollida celebrada no auditorio da Casa do Saber de Lugo a xeito de colofón da programación específica organizada ao longo desta semana no marco dos ‘Welcome Days 2018’.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e o adxunto á citada vicerreitoría para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, guiaron a recepción institucional aos estudantes internacionais no marco dunha sesión de acollida que serviu de colofón das distintas actividades para alumnado de programas de mobilidade organizadas ao longo desta semana. Un abano de propostas e a través das que os estudantes internacionais tiveron a oportunidade de coñecer o campus universitario, así como a súa oferta de instalacións e servizos, ademais de familiarizarse coa cidade de Lugo.

 

Esta xornada de benvida ao estudantado internacional favoreceu tamén a presentación dos diferentes servizos que ofrece a USC aos estudantes do campus de Lugo, sobre todo nos ámbitos da cultura, deporte, o Servizo de Participación e Integración Universitaria e mesmo no propio Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC. Daquela, a técnico da Oficina de Cultura da USC en Lugo, Paloma Lugilde, informou á comunidade estudantil dos diferentes espazos artísticos existentes, como o son o Espazo de Danza, Espazo de Teatro, Espazo de Fotografía, Espazo de Cine e Espazo de Música, ao tempo que avanzou a programación prevista en cada un deles e os prazos e procesos de inscrición.

 

O programa desta xornada de benvida incluíu tamén visitas guiadas ao Museo Universitario A Domus do Mitreo. Ademais, en quenda de tarde, os estudantes que o estimen oportuno tamén poden participar, a partir das 17.00 horas, nunha visita guiada ao Museo Provincial de Lugo.



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi