Información
Pontevedra

Aconsellan asegurar a protección fronte á botrite nas viñas ata o momento da vendima

Información
25 Agosto 2018 376 votos
Aviso fitosanitario

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de aconsellar aos viticultores que aseguren a protección da viña fronte á botrite ata o momento da vendima. Neste sentido, aseguran que en caso preciso –se se producen precipitacións ou tormentas no inicio da próxima semana- deberá aplicarse un funxicida dirixido aos acios, sempre respectando o prazo de seguridade.

 

O persoal técnico sinala que os acios están practicamente no pleno pintado ou mesmo algúns xa inician a súa maduración propiamente dita, sobre todo nas comarcas do sur da provincia, polo que se mantén a data estimada da vendima para a terceira ou última semana de setembro. En calquera caso, sublíñase que dado que a calor desta semana favoreceu que nalgunhas fincas do sur aumentase o grao alcohólico de xeito significativo, pódese dar un adianto se o tempo se mantén seco e estable no futuro.

En canto á botrite, a EFA subliña que coas condicións climáticas destes días non se observaron síntomas do patóxeno. Non obstante, destaca que é preciso permanecer alerta se finalmente se producen precipitacións ou tormentas para luns e martes, pois o incremento de humidade xerará un aumento no volume de esporas do fungo que pode obrigar a aplicar un tratamento que, nese caso, si sería xustificado.

De feito, dado que este ano foi húmido en xeral e, sobre todo en fincas onde houbo danos na uva ou naquelas de variedades sensibles, a técnica Rosa Pérez indica que é "aconsellable" protexer a viña fronte a este fungo. "Para iso, en caso de que sexa preciso por cambio nas condicións climáticas, aplicarase un funxicida antibotrítico dirixido aos acios, respectando sempre o prazo de seguridade, xa que hainos biolóxicos sen prazo, e tamén de orixe química de diferente intervalo", di.

Dado que a maioría das grandes adegas limitaron a este fin de semana ou aos próximos días o último tratamento da campaña sobre a base da vendima, é preciso que os viticultores que teñan limitación de intervir de aquí en diante por limitación de datas dos adegueiros consulten a cada persoal técnico correspondente e aseguren sempre a correcta aireación dos acios.

Por outra banda, desde a EFA destácase que nesta semana hai que salientar o novo incremento na presencia de erinose de verán, que mesmo se observa sobre plantas moi novas, así como dun aumento de acios afectados de golpes de sol, que apareceron desde iniciando o proceso ata presentando xa grans escaldados.

Finalmente, sublíñase que a día de hoxe non son de agardar problemas destacados por Mildeu, nin por couzas do acio (xa que diminuíron as capturas), nin por cicadélidos. Hai que apuntar que aínda que os acios están fóra de perigo con respecto ao Oídio, é importante que os que estean atacados sexan retirados pensando na seguinte campaña.



Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi