Información
Portada

O BNG pide que o Consello de Contas investigue os 2.500 contratos da Xunta do PP con empresas da Gürtel

Información
28 Mayo 2018 440 votos

O BNG anuncia unha “ofensiva institucional” para que o presidente do Executivo galego e do PPdG dea explicacións sobre a trama galega do caso Gürtel tanto no Parlamento como ante o órgano que fiscaliza a contabilidade dos partidos políticos e, neste sentido, propón que Feixóo compareza en pleno extraordinario e que o Consello de Contas investigue os contratos asinados entre a Xunta do PP e as empresas implicadas neste caso de corrupción.

“A Gürtell nace en Galiza e aparece trufada de relacións co PPdG e con altos cargos da Xunta, empezando por un dos cabecillas, Pablo Crespo,  a quen Feixóo mantivo no consello de administración de Portos do Estado e que en 2013 declaraba nun programa televisivo de máxima audiencia que o 65% do diñeiro das campañas do PP en Galiza era en negro”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón.

As evidencias esténdense a Francisco Correa declarando no Congreso que Galiza era un dos gobernos cos que se relacionaba a Gürtell e, durante o xuízo, advertiu que tiña probas do diñeiro negro do PPdG.

Nos papeis investigados, argumenta Pontón, hai sospeitas de irregularidades desde as eleccións de 1999, con pagamentos en negro pola realización de actos e mitins de campaña e a contratación a través dunha das empresas cabeceira da trama, -Special Events-, que tamén facturou traballos de asesoría en materia de agricultura por valor de 156.000 euros, que nunca apareceron.

A contratación con empresas da trama Gürtel repítese nas eleccións autonómicas de 2009 e municipais de 2011, -afondou Pontón-, ao contratar Feixóo a firma Swat, que tamén figura nos papeis de Bárcenas como doadora en B ao PP, ao tempo que un antigo xerente do PP en Galiza detallou até 1,8 millóns en supostos donativos opacos, en base a un documento de 2006 con Feixóo xa como presidente do PPdG, validado polo propio Bárcenas perante o xuíz, documento do que se desprende que a Xunta asinou 2.500 contratos coas 16 empresas citadas por ex tesoureiro.

O BNG considera que o fallo da Audiencia Nacional revela un partido político “que roubou a mans cheas, que provocou sobre custes de millóns de euros nas obras públicas e que gañou as eleccións dopado con diñeiro negro”, denunciou a dirixente do Bloque. “Feixóo non pode poñerse de perfil  ante a corrupción do seu partido e as evidencias de como a Gürtell salpica de cheo ao PPdeG”, salientou, ao tempo que avanzou unha “ofensiva institucional contra a corrupción” que arranca con tres propostas.

Até o último céntimo

En primeiro lugar, que o Consello de Contas investigue os 2.500 contratos da Xunta coas 16 empresas citadas polo ex tesoureiro Bárcenas, ademais de remitir a documentación ao Parlamento. En segundo lugar, un pleno monográfico para que o xefe do Executivo explique a corrupción do seu partido e as derivadas da trama en Galiza.

Por último,  o BNG levará á Cámara unha iniciativa parlamentaria na que esixirá ao PP que pida perdón pola súa corrupción, reclamar que devolvan “até o último céntimo dos cartos roubados” e que asuma responsabilidades, empezando pola dimisión de Raxoi.

Pontón  criticou “a pouca vergoña” de Feixóo cando pretende despachar a condena de corrupción ao seu partido limitándose a dicir “que Bárcenas non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP”. “Que deixe de actuar como testaferro da corrupción do PP e das mentiras de Raxoi porque estamos ante unha corrupción sistémica, e temos claro que a Gürtell é só a punta do iceberg”,  concluíu, tras salientar o voto en contra dos populares a crear unha Fiscalía anticorrupción en Galiza, “é evidente porque non lles interesa”.

Otros articulos relacionados.....
esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi