Información
Xunta de Galicia

AGDSP PORTAS XIRATORIAS NA CRISE DE POVISA

Información
06 Octubre 2018 147 votos

Ante a información da existencia de negociacións entre POVISA-SERGAS para evitar a creba anunciada por este hospital privado con Concerto Singular, desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública queremos comunicar:

 

1.- Consideramos que a crise deste hospital privado, que atende a pacientes da Sanidade Pública, está determinada por contas pouco claras, conflitos de intereses e portas xiratorias.

2- A auditora de POVISA é Deloitte, que participou na fusión das caixas galegas e na saída a bolsa de Bankia, e que non atopou os buracos millonarios destas entidades financeiras.

3- Maria Luisa Brandt, que traballaba entón para Deloitte, foi auditora de Caixa Nova durante a crise e é a actual Xerenta de POVISA.

4- Tras chegar Feijóo o goberno galego, Rocio Mosquera, directiva de POVISA, foi nomeada Directora Xeral do Sergas e posteriormente Conselleira de Sanidade... mentres que María Luisa Brandt foi nomeada Xerente de GALARIA SA, empresa pública da Conselleria de Sanidade. O Consello de Contas advirte dos graves problemas da súa xestión e das contas pouco claras de GALARIA, o que xera dúbidas sobre as contas que actualmente aporta POVISA para xustificar o Pre-Concurso de Acreedores.

5- Rocío Mosquera tras ser cesada na Consellería, substituíu a María Luisa Brandt en GALARIA, que á súa vez foi nomeada xerenta de POVISA (intercambio de cromos). Esta última, pasou de xestionar unha empresa dependente da Consellería de Sanidade (con acceso a información sanitaria pública especialmente sensible dos pacientes da área de Vigo, Val Miñor e o Morrazo), a xestionar o hospital privado con Concerto Singular co SERGAS.

6- Malia a escasa información dispoñible sobre as negociacións entre SERGAS e POVISA, para evitar a creba deste hospital privado, parece que a administración do PP, ofreceu facerse cargo do gasto en medicamentos xerado no centro para pacientes ambulatorios. Isto suporía que POVISA prescribiría unha medicación (cada vez máis custosa) que sería pagada polo SERGAS, algo moi perigoso para o gasto público a medio e longo prazo, tendo en conta ademais a ausencia de delimitación da atención dos pacientes públicos e privados, denunciada polo Consello de Contas). POVISA parece que tamén pretende unha subida no concerto como veu facendo ao longo dos anos (pese a ser o máis elevado do Estado).

7.- Diante de todo isto, instamos á Consellería de Sanidade a que faga pública a súa intención de non permitir a chantaxe empresarial e anunciar que, polo interese xaral, pasará a xestionar directamente o hospital POVISA, no caso de que a empresa non garanta a asistencia sanitaria da poboación asignada e os postos de traballo.

8.- Tamén reclamamos unha auditoría real e crible da xestión dos cartos públicos entregados á empresa que xestiona POVISA, e esiximos o compromiso de non entregar un euro máis até non ter feita esa auditoría.

9.- E finalmente facemos un chamamento ás forzas sociais, políticas e sindicais para que se estableza un plan a medio prazo, para ir substituíndo o concerto singular por recursos sanitarios públicos, que permita rematar coa situación de chantaxe permanente que vivimos na área sanitaria de Vigo.

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública

esafsqarhyazeubebgcazh-CNzh-TWhrcsdanlenettlfifrglkadeelhtiwhihuisidgaitjakolvltmkmsmtnofaplptrorusrskslswsvthtrukurvicyyi