Patrimonio Natural da Xunta autoriza por fin as actuacións propostas no Carballo de Vilar de Francos

Información
A Coruña | 02 Mayo 2020 | 1535 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image
Estado do Carballo de Vilar de Francos o 27 de decembro

Estado do Carballo de Vilar de Francos o 27 de decembro

O Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia autoriza por fin as actuacións propostas polo Concello de Carballo para intentar garantir a supervivencia do Carballo de Vilar de Francos, que está en serio risco despois de sufrir dúas graves roturas en agosto do 2018 e en decembro do 2019. Dende o primeiro momento, tal como recomendaban os informes técnicos encargados polo Concello, considerouse fundamental unha poda que permita equilibrar a copa para evitar novas roturas como a de decembro.

 

A resposta do Servizo de Patrimonio Natural chegou esta semana, a raíz da solicitude de información presentada o día 13 polo Concello de Carballo en vista da falta de resposta á proposta técnica remitida en xaneiro, que inclúe unha poda de equilibrado da copa, poda de ramas mortas e a supresión dun exemplar de Hedera hélix que medra polo tronco.

A propiedade do Carballo de Vilar de Francos presentou tamén en xaneiro unha solicitude con cargo á liña de axudas establecidas pola Xunta de Galicia “para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras”, do que forma parte o centenario exemplar situado na parroquia de Artes. Na solicitude incluíase, ademais do informe técnico, unha proposta para a colocación dun valado e dun panel informativo que tamén foi aceptada.

“A resolución da solicitude de subvención está pendente, pero ao existir xa a acta de non inicio e o informe favorable do Servizo de Patrimonio Natural, poden iniciar a realización de ditos traballos (este feito non implica que a subvención sexa concedida), sinalan dende o departamento autonómico, se ben aclaran que debe presentarse a solicitude correspondente por parte da propiedade ou do Concello de Carballo “sempre que acredite a representación do propietario da árbore”. O momento actual non é o axeitado para realizar os labores de poda, segundo indican os técnicos, pero dende o Concello de Carballo existe a disposición a acometer as actuacións precisas para garantir a supervivencia da nosa árbore senlleira.