Información
A Coruña

Os nenos e nenas de Artes amosaron o seu orgullo de pertencer á parroquia na que se atopa o carballo de Vilar de Francos

Información
24 Marzo 2019 262 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Samuel é o maior da escola de Artes. Xa está en segundo curso de primaria e le con moitísima soltura. Así que hoxe tocoulle ler, no nome dos 10 nenos e nenas da parroquia que asisten á unitaria, unha declaración na que amosan o seu orgullo de pertencer á parroquia na que se atopa o carballo de Vilar de Francos, a nosa árbore senlleira, e tamén o seu compromiso de coidar os bosques “para que sigan existindo por moitos anos, sendo o fogar de moitos animais, dándonos alegría e purificando o noso aire”.

 

Lolo, Julia, Manuel, Lía, Malena, Rodrigo, Martiño, Roberto, Martín e Samuel protagonizaron o primeiro acto organizado polo Concello de Carballo para conmemorar o Día da Árbore. A primavera non podía comezar con mellor tempo, o que permitiu que os nenos e nenas se reunisen xunto ao carballo de Vilar de Francos. Algúns non o coñecían e asombráronse da envergadura da árbore, que, malia o seu mal estado, continúa sendo un exemplar impresionante.

Despois da lectura de Samuel, a rapazada, acompañada polo profesorado e o director do CRA Ponte da Pedra, Jesús; o alcalde, Evencio Ferrero, e os concelleiros Luis Lamas e Marcos Trigo, desprazouse ata o Pazo de Vilar de Francos, que abriu as súas portas para que os nenos e nenas tamén tivesen a oportunidade de coñecer outra peza fundamental do patrimonio da súa parroquia. No emblemático edificio do século XVI desfrutaron dun chocolate ben quentiño con churros e o xardín converteuse no seu parque de xogos nesta mañá especial.

As actividades do Día da Árbore continuarán este sábado ás 11.00 horas no Horto Infantil Ecolóxico Municipal, onde os nenos e nenas que participaron o ano pasado na xornada de apadriñamento e amadriñamento de landras poderán velas convertidas xa en carballos.

Otros articulos relacionados.....