Usuarios iconotwitterTwitter         rss icono-  RSS.-   Youtube envelope mail icon free vector  Contacte   iconopublicidadPublicidad  222118  Mapa Web logo proveedores 


Noticias de última hora sobre la actualidad en España y el mundo: política, economía, deportes, cultura, sociedad, tecnología, gente, opinión, viajes, moda, .
 
Galicia Noticias
Open menu

Carta aberta ao Director Xeral da CRTVG, por Marta Dacosta, Escritora e Vogal do Consello Directivo da AELG

Información
21 Enero 2025 - Agenda 239 votos - Correo electrónico - Imprimir

CARTA ABERTA

Gondomar, 21 de xaneiro de 2025

Sr. Director Xeral da CRTVG:

Diríxome a vostede despois de comprobar a escasa atención que os informativos da nosa televisión pública dedicaron a un dos máis insignes escritores galegos: Bernardino Graña.


Como escritora e integrante do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) comprobei con estupor que a penas lle dedicaron uns poucos minutos o día do seu falecemento, unha peza de 01:18 minutos emitida na programación das 12 da mañá e no Telexornal Mediodía.
Foi unha negativa sorpresa comprobar, ademais, que nin sequera se fixo mención ao seu pasamento nos titulares dese Telexornal Mediodía, cando si houbo espazo para novas significativamente menos transcendentes, coma un absurdo e truncado atraco en Coristanco.
É incomprensíbel que a Televisión pública que debe a súa existencia a termos unha lingua propia que fixeron grande escritores coma o falecido non preste unha atención maior e máis digna ás novas relacionadas coa nosa cultura.
Por outro lado, certas novas do ámbito da cultura non poden ser tratadas exclusivamente nos programas temáticos que, como todos sabemos, teñen unha menor audiencia. Deben incorporarse aos contidos dos programas xeralistas, coma os informativos, porque tamén son novas de carácter xeral e de interese para toda a cidadanía, igual cá economía ou os deportes.  
Entendo que non cómpre que detalle aquí os moitos méritos de Bernardino Graña, nin cal era a súa dimensión e significación intelectual. Mais, como pode ser que quen foi presidente da AELG, membro da RAG, integrante do grupo Brais Pinto... non mereza que se mobilice unha unidade móbil para achegarse ao acto civil co que foi despedido e onde mesmo interviñeron, entre outros, o Presidente do Parlamento Galego e o da RAG?

Como galega, escritora, e cidadá que paga os impostos cos que se financia a televisión que vostede dirixe, prégolle que preste unha maior e mellor atención á cultura de noso e lle dea cabida tamén nos informativos, ao mesmo tempo que atende a actos que, noutros lugares, acaban sendo programas de emisión en horario de máxima audiencia.



Atentamente
Marta Dacosta Alonso
Escritora e Vogal do Consello Directivo da AELG

social youtube xornalgalicia   feed-image