- Ecoloxistas en Acción solicitou os datos estatísticos da concentración de vivendas de uso turístico (VUT) e do prezo medio do metro cadrado da vivenda de alugueiro en 23 cidades de España, establecendo a incidencia da proliferación de VUT no prezo da vivenda.
- A organización ecoloxista sinala que Vigo é a cidade onde máis medraron as VUT no acumulado dos últimos 4 anos cun incremento do 113,2 %.
- O informe destaca que a zona centro ou o centro histórico de moitas cidades concentra a maior parte das vivendas de uso turístico. Nalgún caso chégase a que un terzo da vivenda deses barrios sexa de uso turístico e non residencial.
- A organización ecoloxista alerta de que se non se adoptan medidas de calado, a proliferación de VUT seguiría expulsando a familias residentes destes barrios máis tensionados por mor da subida do prezo da vivenda e a merma de calidade de vida. Ademais está a facer inaccesible a vivenda para as capas sociais con menos ingresos e para a mocidade que se quere emancipar.
Ecoloxistas en Acción analizou o crecemento das Vivendas de Uso Turístico (VUT) e a súa repercusión no prezo da vivenda de alugueiro en 23 cidades distribuídas pola xeografía española. Estudaron tamén a distribución xeográfica das VUT en Madrid, Barcelona, Vigo, València, Málaga e Alacante. Mediante unha desagregación do número de VUT existente por distrito queda patente que nas seis cidades estudadas hai unha alta concentración de VUT nos centros ou centros históricos, e no caso de cidades costeiras tamén nas zonas de primeira liña de praia. Aseguran que esta concentración nos barrios ou distritos afectados multiplica ata 10 veces o índice de turistificación medio do municipio.
O informe sinala que aínda que Madrid é a cidade con máis VUT en termos absolutos (18.837), en termos relativos a súa concentración (12,3 VUT por cada mil vivendas) non é tan alta como noutros municipios. Pero ao analizar a situación desagregada por zonas descóbrese que nun só distrito de Madrid, distrito Centro, concéntrase o 42,6 % das VUT. Sucede o mesmo en Barcelona, os distritos de Ciutat Vella e L'Eixample concentran o 57,7 % das VUT do municipio. A maior concentración de VUT nestes distritos comporta un incremento do prezo do metro cadrado de vivenda en alugueiro por encima da media do municipio. Así, no centro de Madrid sobe un 18,4 % e en Ciudad Vella en Barcelona, un 12,6 %.
Das cidades medianas máis afectadas destacan Málaga, València e Alacant, cun índice de 30,3; 23,7 e 23,0 de VUT por cada 1.000 vivendas respectivamente, duplicando e mesmo triplicando o índice media de Madrid capital. Chégase ao extremo de que en barrios como o de Ciudad Xardín en Málaga un terzo das vivendas son de uso turístico. Esta proliferación das vivendas de uso turístico nestas tres cidades ten o seu reflexo no prezo da vivenda de alugueiro. Málaga é a cidade mediana con máis alto prezo de vivenda alugueiro, 14,50 €/m2, un prezo que supera a media das cidades similares a ela (9 €/m2) e que se aproxima máis ao prezo das cidades grandes e máis caras, como Barcelona ou Madrid. Tamén sofre València este incremento no prezo de alugueiro, con 14,2 €/m2 e Alacant, en menor medida con 11,9 €/m2. Esta subida aínda é maior nos barrios máis turistificados, así no centro de Málaga hai un encarecemento do 7,9 % da vivenda respecto a a media do municipio. Un 25,2 % para Ciutat Vella en València e ata un 16,7 % para a Albufereta en Alacant.
Na cornixa Cantábrica, só Santander experimenta un alto índice de VUT (20,3 por cada mil vivendas) e un prezo de alugueiro (9,4 €/m2) por encima da media das cidades semellantes en tamaño de poboación. Pero a tendencia doutras cidades como Xixón, A Coruña e Vigo é dun alto incremento de VUT, tanto no crecemento interanual do último ano (21,4 %, 27,9 % e 36,8 % respectivamente) como no acumulado no período 2020 a 2024, cunhas porcentaxes de crecemento de 95,0 %, 84,0 % e 113,2 % respectivamente. Ecoloxistas en Acción alerta de que, se se mantén esta tendencia, en pouco tempo estas tres cidades terán unha alta concentración de VUT por cada mil vivendas, o que repercutirá rapidamente no prezo da vivenda.
No seu informe, Ecoloxistas en Acción estuda tamén o que está a suceder nos territorios de maior masificación turística, tomando como exemplo os municipios de Ciutadella de Menorca nas Illes Balears, La Oliva e Arona nas Illas Canarias e Salou na Costa Daurada. Todos estes municipios teñen un índice altísimo de VUT por cada mil vivendas, chegando ao caso extremo de La Oliva, onde máis dun terzo do parque de vivenda é para uso turístico. A afección ao prezo da vivenda de alugueiro non é por igual nestes pequenos municipios turísticos, pero cabe sinalar que La Oliva con 16,4 €/m2, Arona con 17,1 €/m2 ou Ciutadella de Menorca con 13,0 €/m2 teñen uns prezos por metro cadrado moi por encima da media de cidades pequenas. Por esta razón, a organización ecoloxista denuncia que nos territorios insulares, e nalgunhas zonas do litoral peninsular do Mediterráneo, cunha intensidade turística tan alta as relacións sociais, políticas e socioeconómicas da poboación están totalmente condicionadas e determinadas por un modelo turístico de monocultivo intensivo.
Como contrapunto, cidades con menos intensidade turística como Zaragoza, Valladolid, Logroño, León, Salamanca ou Cáceres teñen un baixo índice de VUT nos seus parques de vivenda e uns prezos de alugueiro de vivenda moi inferiores á media.
Dentro das conclusións do informe, Ecoloxistas en Acción sinala que a proliferación de vivendas vacacionais en todos os recunchos turistificou os pobos e os barrios residenciais onde habitaba a poboación residente. Este feito, unido á falta de regulación e previsión por parte das institucións, xerou unha problemática social que non fai máis que agravarse: a falta de vivenda alcanzable. A utilización destas para alugueiros temporais asociados ao turismo provocan unha enorme escaseza de vivenda destinada ao uso residencial e de longa tempada, polo que a poboación residente ve minguado o seu dereito constitucional de acceso á vivenda.
Dentro das cidades non hai unha distribución regular das VUT, senón que estas adóitanse concentrar nos centros históricos ou, no caso de urbes costeiras, nas zonas de primeira liña de praia. Isto multiplica a intensidade de turistificación que sofren estes barrios chegando a determinar a realidade socioeconómica da súa poboación residente.
Ecoloxistas en Acción denuncia que o encarecemento da vivenda e a diminución de calidade de vida está a xentrificar os barrios máis turistificados. A poboación residente é desprazada dos seus barrios cara a outras zonas residenciais segundo as súas capacidades económicas. Isto rompe relacións sociais e xera desarraigamento na poboación desprazada, pero tamén nas familias que resisten no seu barrio, pois perden relacións de amizade ou familiares de proximidade coa xentrificación.
Así mesmo, a organización ecoloxista alerta de que o desprazamento da poboación residente e o aumento drástico da poboación flotante tamén afecta directamente o comercio local destes barrios. Desaparece a diversidade de comercios e baixo o monocultivo turístico só florecen tendas de lembranzas e cafeterías. Un comercio totalmente dependente da afluencia turística e de moi baixo valor engadido.