QUEN SOMOS E QUE QUEREMOS
A ASGADeD somos un grupo de persoas, de diversas contornas sociais e profesionais, preocupadas pola situación actual dos servizos públicos da dependencia e discapacidade na Galiza.
Partillamos unha visión desa situación caracterizada, por unha banda, pola aposta clara da Xunta de Galiza de converter o Sistema Público Galego de Dependencia, definido na Lei de Dependencia 39/2006, nun Sistema de Beneficencia “Low Cost”, en aberta oposición ao definido nesa mesma lei. Algúns dos síntomas claros desa estratexia de promover un sistema de dependencia de baixo custe, de aposta polos servizos e prestacións máis baratos, son os seguintes:
- A baixa intensidade dos servizos e as ínfimas contías das prestacións económicas que se prestan desde o sistema.
- O infrafinanciamento crónico do sistema
- Estase a incentivar por parte da Administración a solicitude e concesión da Prestación Económica de Coidados no Entorno Familiar (PECEF), unha prestación que a propia Lei de Dependencia establece como de carácter excepcional e que sen embargo hoxe medra cada vez máis, malia a forte discriminación de xénero que perpetúa a súa existencia en detrimento do SAF (Servizo de Atención no Fogar).
- A prestación directa de coidados no fogar (SAF), non só non está a medrar, como debería, senón que desde a Xunta se está seguindo unha política de ir reducindo progresivamente a súa importancia. O SAF, que debe constituír a cerna da atención de proximidade, é un servizo imprescindíbel mais non é barato, aspecto que en cambio si caracteriza ao PECNF.
- A enorme escaseza de residencias públicas no País, especialmente grave na metade occidental de Galicia onde a última residencia pública foi creada no ano 2007 (Volta do Castro, Santiago). A escaseza de residencias públicas está obrigando a moitos dependentes que non poden pagar as disparatadas cifras esixidas polas residencias privadas (máis de 3.000 €/mes, nas residencias de Vigo ou Santiago), a desprazarse a residencias situadas a centos de quilómetros dos seus fogares.
Un outro aspecto central que tamén caracteriza a situación actual dos servizos públicos da dependencia en Galiza, é a posición da Xunta de favorecer dun xeito descarado a privatización do sistema da dependencia, de xeito que o principal papel que está a xogar o goberno galego é o de canalizar os recursos públicos da dependencia cara as empresas privadas do sector que, nunha moi alta proporción de casos, pertencen realmente a Fondos de Investimento (“fondos voitre”) estranxeiros que teñen coma principal obxectivo, non o correcto coidado das persoas en situación de dependencia, senón a maximización de beneficios.
Para as persoas en situación de dependencia, as consecuencias prácticas das opcións que ten tomado a Xunta de Galiza, é que teñen que soportar un sistema de dependencia carísimo para o usuario, cunha a calidade dos coidados, como regra xeral, claramente mellorábel, e abertamente precarizado en recursos e en persoal; situación esta moi relacionada co importante infrafinanciamento do sistema, pois o Estado español só dedica aos servizos sociais o 0,8% do seu PIB, mentres que a media da Unión Europea é do 1,6% e a os Países Nórdicos chegan a cifras que supera o 3%.
A ASGADeD nace coa intención de contribuír a modificar a realidade antes descrita. Tratamos de avanzar na construción dun forte movemento social amplo, plural e transversal, que mobilice á sociedade galega e lles exixa ás administracións públicas (sobre todo á autonómica e á estatal, mais tamén á municipal), un compromiso real para conseguir a creación duns servizos sociais da dependencia e discapacidade de calidade, e que cubran as necesidades reais das persoas dependentes, e que ademais, se caractericen por ser de financiamento, titularidade, xestión e provisión 100% públicas.
“Envellecer na casa” debe ser un principio esencial dos servizos sociais, polo que é fundamental que existan uns fortes servizos de proximidade (Servizos de Axuda no Fogar, Centros de Día, Teleasistencia, ...) que permitan adiar a “institucionalización”, e dicir o ingreso nun Centro Residencial, até o momento no que xa non sexa viábel manter á persoa usuaria no seu domicilio.
Entre as características principais dos servizos sociais de dependencia que defendemos figuran as seguintes:
- Ser de cobertura universal, e polo tanto cun número de prazas acorde coas necesidades reais da sociedade galega;
- Estar adecuadamente financiados polas administracións públicas, e gratuítos na súa parte de coidados (pagar so a parte de hostalaría);
- Contar cunha calidade contrastada nos coidados que prestan ás persoas usuarias; unha calidade que debe ser garantida mediante as inspeccións pertinentes, sen que se permita a súa manipulación.
- Dispoñer duns rateos de profesionais adecuados, debidamente formados, e cunhas condicións laborais e salariais dignas;
- Que se baseen na prioridade clara dos servizos formais do SAF, Atención Residencial, Centros de Día, ..., prestados por profesionais, con preferencia ás prestacións económicas (Vinculada aos Coidados na Contorna Familiar, Vinculada ao Servizo, ...) que se basean nos coidados informais prestados desde a contorna familiar por coidadores non profesionais;
- Que estean ben coordinados cos servizos sanitarios públicos de Atención Primaria, que deberán contar cos recursos precisos para que esa boa coordinación poida ser realidade; e
- Uns servizos abertos á participación das persoas usuarias e dos seus familiares, así como da veciñanza das localidades na que se sitúen ou ás que dean servizos.
AS “NOVIDADES” DESTE NADAL EN DEPENDENCIA
Aproveitando as Festas do Nadal, a Xunta de Galiza ven de facer públicas tres iniciativas que demostran a súa teima privatizadora e precarizadora dos servizos da dependencia:
- O venres 13 de decembro publicouse no DOG a Orde do 4 de decembro de 2024 da Consellería de Política Social, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996. Esta “Orde” é un paso máis no recortes do persoal sanitario que debe existir nas residencias, pois suprime a obriga de ter enfermeira 24 horas para residencias de mais de 40 prazas. A nova norma só considera chegar as 5 enfermeiras nas residencias de mais 170 prazas. A norma precariza a calidade da atención as persoas dependentes e non aclarara quen vai facer as tarefas profesionais das enfermeiras: curas de ulceras e escaras, glucemias, administración de inxectables, heparinas, colirios, control de Sintrom (anticoagulación), administración de medicación, curas, atención en urxencias clínicas, etc..) cando non haxa enfermeiras no centro.
- Xa no ano 2023 a Xunta unificou o procedemento de valoración do grao de dependencia e a aprobación de PIA (Plan Individualizado de Atención) para supostamente reducir as listas de agarda, xa daquela de máis de un ano de media, á metade; o resultado foi que se incrementou o prazo en lugar de reducirse.
Desde o día 3 deste mes xaneiro de 2025, está en vigor a Resolución de 31 de decembro de 2024 (publicada no DOG do 02/01/2025) pola que a Xunta pretende de novo a unificación de procedementos, neste caso da dependencia e da discapacidade. Este cambio faise sen ampliar os equipos de valoración, sen abordar en profundidade a falta de persoal, e simplemente prorrogando os contratos dos equipos de reforzo e claramente insuficiente. Ademais na nova norma non se concreta a titulación das profesionais encargadas das valoracións.
Coas proxeccións a curto e longo prazo de incremento das persoas dependentes na Galiza, as equipas de avaliación xa deberían de estar consolidadas e reforzadas con novos traballadores, a formación a estes traballadores non pode ser unha novidade ou un extra, a formación do persoal a servizo da Administración pública e nun area tan sensible como é esta é unha obriga.
Ademais, avanzando na privatización do sistema, ábrese a posibilidade de conveniar a realización dos informes de saúde con mutuas privadas en lugar de reforzar con profesionais sanitarios nos Centros de Saúde.
Elimínase a obrigatoriedade da realización do Informe Social, é dicir, a valoración diagnóstica profesional, debilitando o papel dos e das traballadores sociais e comprometendo a calidade da atención, o que significa un retroceso claro nos dereitos da cidadanía, aumentando o risco de discriminación e desigualdade, dado que este informe é unha peza clave para ter a información detallada da situación social, familiar e rede de apoio, así como dos recursos dispoñibles, datos básicos para unha correcta valoración da dependencia. A falla de informe social vai dificultar as intervencións axeitadas e personalizadas, haberá unha falta de seguimento continuo da situación da persoa e da avaliación das intervencións que dará lugar a unha falta de coordinación e a unha atención fragmentada.
O sistema de citación da dependencia e da discapacidade será a través de mensaxe no móbil co obxectivo de axendar as citas. No caso de non ter resposta a esta comunicación no móbil pasaríase á citación telefónica. Este tipo de comunicación con persoas, na maioría de avanzade idade e, en moitas ocasións, con dificultades para o uso de este tipo de tecnoloxías, non permitirá que as citacións se realicen de forma efectiva, polo que moitas persoas se quedarán sen valorar e sen acceder ás prestacións e servizos. A Xunta de Galicia delega, ademais, a responsabilidade sobre este procedemento nas persoas dependentes ou os seus familiares, en lugar de na administración responsable.
Dende esta asociación consideramos que é importante manter e fortalecer o informe social como unha parte fundamental do proceso de avaliación e planificación nas intervencións sociais.
- O 26/12/2024, o Presidente da Xunta informou de que os aproximadamente 2.700 dependentes que teñen recoñecido o dereito á unha prestación da dependencia e están agardando por unha praza pública nunha residencia ou centro de día, ou por recibir atención no seu domicilio, ..., recibirán unha axuda directa do Goberno galego, da que neste momento se descoñece tanto a cantidade como o control da mesma. Esta “paguiña” xa fora anunciada a finais de 2023, e estaba pendente do seu desenvolvemento normativo nunha orde da Consellería de Asuntos Sociais que nunca foi publicada. O asunto resucita agora e, seica, entrará en vigor de maneira automática a partir deste mes de xaneiro.
Esperamos que esa “paguiña” sexa substancial e que non se trate dunha mera estrataxema da Administración para blindarse da posibilidade de reclamacións dos usuarios polas actuais desatencións, moi superiores aos 6 meses que marca a lei. Na actualidade as reclamacións polos retrasos xerados na tramitación dos litixios relacionados coa dependencia, poden facerse a través da xurisdición do social, e non pola vía do contencioso-administrativo; a xurisdición social é moito máis rápida e menos proclive á favorecer á Administración que a contencioso-administrativa. Por fin, 17 anos despois da entrada en vigor da Lei de Dependencia, o goberno central co Real Decreto-lei 6/2023, de 19 de decembro, modificou a Lei Reguladora da Xurisdición Social de 2011, completando así os cambios legais que estaban pendentes para que o dereito subxectivo á dependencia poida ser unha realidade.
Esperamos que a “paguiña” anunciada polo Presidente da Xunta sexa algo diferente ao intento de blindar á Administración das reclamacións que se poidan presentar ao abeiro da nova lexislación que fai realidade a consideración do dereito á dependencia como un dereito subxectivo.