O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse esta mañá no seu despacho da institución provincial co conselleiro de Medio Rural da Xunta de Galicia, José González, para estudar posibles vías de colaboración e apoio aos concellos en materia de prevención e extinción de incendios e dinamización do rural coruñés.
Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, González Formoso destacou a "importancia estratéxica que para a Deputación ten apoiar o desenvolvemento social e económico do rural na provincia" e destacou a importancia de que "todas as administracións sumemos esforzos nun tema tan importante como a prevención e extinción de incendios".