A pandemia do coronavirus está a provocar un enorme dano á saúde colectiva e ao tecido económico de Galicia. Núñez Feijóo quere aparecer ante a opinión pública como o grande heroe que fai fronte a esta terrible desgraza. Pero desde a Plataforma SOS Sanidade Pública cómpre lembrar que o seu goberno:
- Recortou os orzamentos do Sergas, utilizou a Colaboración Público-Privada para construír novos hospitais, mais costosos e con menos recursos; cedeu a empresas multinacionais os recursos para a planificación do sistema; puxo a investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) en mans de axencias e institutos controlados por laboratorios e multinacionais; privatizou unha parte da asistencia mediante concertos cos hospitais privados, que xa prestan o 25% da atención sanitaria; reduciu os recursos de Atención Primaria, necesarios para combater a epidemia con medidas de promoción, prevención, información e educación sanitaria; e mesmo fala de pechar Centros de Saúde, imprescindibles para atender aos afectados nos domicilios, evitar hospitalizacións, informar e tranquilizar á poboación.
- Están a montar dous Hospitais de Campaña, a pesar dos problemas e deficiencias detectados en IFEMA de Madrid, mentras os hospitais públicos teñen camas sen ocupar pola paralización de intervencións, hospitalizacións e probas, a causa da pandemia. Por outro lado os centros privados, infrautilizados, dispoñen de 2.800 camas, e reduciron a sua actividade nun 30% nesta crise.
- Pero o mais preocupante na actualidade é o incremento exponencial da mortandade nas residencias de maiores, que acumulan centos de mortos e contaxiados entre os residentes e traballadores. Esta situación ten que ver con que Núñez Feijóo privatizou gran parte das mesmas para cedelas a multinacionais e fondos de inversión. O Consello de Contas denunciou irregularidades nas concesións, ausencia de control, falta de persoal, deterioro das instalacións e incumprimentos dos protocolos de funcionamento. O persoal e familiares levan anos denunciando falta de recursos, de persoal especializado e de coidados, amoreamento dos residentes e unha pésima xestión.
- Os Servizos de Saúde Pública de Galicia contan con recursos moi escasos para realizar actividades de vixiancia, estudos de campo, identificación novos casos, etc. Sanidade dedica unicamente e 0,9% do orzamento aos servizos de loita contra as Enfermidades Transmisibles e de Epidemioloxía, que non dispoñen do persoal e recursos suficientes para a loita contra as novas epidemias.
Coa lexitimidade que nos dan os anos de compromiso e loita das plataformas e organizacións que integran SOS Sanidade Pública contra os recortes e pola mellora da sanidade pública, neste momento esiximos:
1.- A intervención de todas as residencias de maiores para asegurar a atención dos afectados, incrementado o persoal, garantindo o illamento dos enfermos e a seguridade dos traballadores.
2.- A plena utilización de todos os recursos hospitalarios (camas, UCIs) públicos e privados na atención dos afectados, garantindo ás persoas enfermas a atención que precisen.
3.- Manter activos os Centros de Saúde. O persoal de AP non se debe utilizar para realizar actividades hospitalarias. Cómpre seguir atendendo aos demais enfermos e facer unha labor de información e contención que é imprescindible neste momento.
4.- Garantir a seguridade e o equipamentos de todos os traballadores sanitarios.
5.- Reforzar os Servizos de Saúde Pública, Epidemioloxía e loita contas as infeccións con persoal suficiente e cualificado.
6.- Unha vez pasada a emerxencia haberá que esixir as responsabilidades pertinentes e abrir un proceso participativo para recuperar os danos no sistema sanitario público e garantir unha mellora do mesmos para restaurar a saúde física e emocional da poboación e establecer medidas que permitan reducir o risco de que se repitan situacións como a presente.