Información
Galicia

A CIG intentará no xulgado pararlle os pes ao Goberno de Feijóo cos novos contratos do transporte de viaxeiros/as por estrada

Información
23 Abril 2019 529 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A FGAMT-CIG compareceu este martes en rolda de prensa en Ferrol para trasladar o rexeitamento da central sindical aos novos contratos de transporte de viaxeiros/as por estrada que vén de publicar a Xunta de Galiza, ao estar infradotados na parte económica e non contemplar o número total de traballadores e traballadoras que actualmente prestan eses servizos e que teñen dereito á subrogación. A CIG vai solicitar en vía xudicial a paralización destes contratos e convocará asembleas de persoal por toda Galiza para avaliar a situación e decidir as accións a levar adiante.

 

Na comparecencia participaron o responsábel de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, a secretaria da FGAMT-CIG de Ferrol, Beatriz Fernández, e os delegados da CIG no comité de Arriva en Ferrol, José Ramil, Cándido Prieto e Luis González.

Imposibilidade de cumprir as cláusulas sociais

A Xunta só presuposta o custe económico do persoal condutor e acompañante, pero non prevé o custe doutro persoal que obrigatoriamente ten que ser subrogado"

No seu momento, lembrou Pastoriza, as tres centrais sindicais asinaron as cláusulas sociais dos pregos, que garanten a subrogación e os dereitos do persoal, mais advertindo da necesidade de mellorar a dotación económica dos contratos para poder cumprilas. "Pois ben, comprobamos que hai unha mínima mellora pero os contratos que temos revisado até agora podemos dicir que son ruinosos, así é imposíbel cumprir coas cláusulas asinadas", aseverou.

O representante sindical trasladou o nerviosismo que existe entre os traballadores e as traballadoras do sector xa que a falta de dotación económica adecuada pode derivar no despedimento do persoal a pesar de ter dereito á subrogación ou na formulación de EREs por parte das empresas, aducindo que as contías dos contratos non chegan para cubrir os custes.  

Tendo en conta a dotación económica prevista pola Xunta, no caso concreto da comarca de Ferrol, a liña que conecta A Coruña-Ferrol-Lugo e A Mariña (un dos contratos máis grandes) terían un déficit o primeiro ano, soamente en salarios, de 672.000 euros. Mentres que noutro gran contrato da comarca, o metropolitano de Ferrol (que actualmente presta a compañía de Tranvías e ao que se lle engaden novas rutas) o déficit de salarios alcanzaría os 531.000 euros.

Estas cifras, explicou Pastoriza, saen de comparar o total que se lle pagou aos traballadores e ás traballadoras destas liñas durante do ano 2018 e o que estima a Consellaría de Infraestruturas que van custar os salarios no primeiro ano de contrato (entre agosto de 2019 e agosto de 2020).

Menos persoal pero rutas máis amplas

Mais os contratos, engadiu, non están infradotados só dende o punto de vista económico, senón tamén do persoal para realizar o servizo. "No metropolitano de Ferrol habería que subrogar os traballadores/as de Tranvías de Ferrol e ao persoal de Rialsa, que suman 51 persoas, pero a consellaría estima que con 30 condutores/as e 10 acompañantes (que se incorporan agora ao integrarse o transporte escolar) se pode facer o traballo. É dicir, para a consellaría o servizo, que ademais se amplía, pode prestarse con 20 condutores/as menos. Isto é unha auténtica aberración", valorou. No contrato que une Ferrol con A Coruña e Lugo, o número de condutores e condutoras a subrogar son 26, mais a consellaría estima que con 20 se pode realizar o traballo.

Xunto a isto, sinalou que a Xunta só presuposta o custe económico do persoal condutor e acompañante, pero non prevé o custe doutro persoal que obrigatoriamente ten que ser subrogado, como administrativos/as, taquilleiros/as, mecánicos/as, limpadores/as, etc. "No contrato Ferrol-A Coruña o custe deste persoal no ano 2018 foi de 370.000 euros e no metropolitano de 470.000 euros, porén a Xunta orza cero euros para estas outras categorías".

Todos os contratos son deficitarios

Esta situación repítese  no resto das liñas de autobús: á do Carballiño fáltanlle 300.000 euros; á de Verín 528.000 euros; á Lugo-Ourense 322.00 euros; no metropolitano de Pontevedra o déficit supera os 400.000 euros, etc. "Estamos falando de que falta moito diñeiro en todos os contratos só atendendo ao primeiro ano de vixencia, e hai que ter en conta que son contratos a dez anos", recalcou. Como dato, apuntou que o déficit total no custe de persoal no caso do metropolitano de Ferrol ascende a uns cinco millóns de euros.

A este respecto, aclarou que a "compensación" que contempla a Xunta para estes 51 contratos "ten trampa" porque se calcula sobre o que a Administración prevé que serán os gastos do servizo, non sobre os gastos reais. Isto pode provocar, subliñou,  que as empresas pretendan compensar ese déficit cun incremento dos prezos do billete, "pero sabemos que cada vez que se soben as tarifas vai menos xente nos autobuses e á inversa, cando baixan aumentan o número de pasaxeiros/as".

Atrás deste deseño irracional do plan de transportes hai un intento da Xunta de integrar as liñas de escolar para así aforrar cartos"

O responsábel de transportes da FGAMT-CIG, denunciou que o persoal se sente enganado pola Consellaría "ao incumprir a promesa de mellorar a dotación tanto económica como de medios humanos dos contratos".  Por iso, adiantou, a CIG vai presentar no xulgado a solicitude de paralización dos contratos para evitar que se consolide este proceso. Unha vía á que, segundo parece, tamén recorreron ás asociacións patronais.

A CIG foi á única organización que se opuxo ao Plan de Transportes

No Consello Galego de Transportes, indicou Pastoriza, a CIG foi a única organización que votou en contra do Plan de Transportes deseñado pola Xunta, que mestura os modelos lineal e zonal, que dificultan as conexións, sobre todo nas pequenas vilas, incrementa o número de transbordos, deixa zonas sen servizos e inclúe o paso de liñas por lugares fóra de toda lóxica. "Atrás deste deseño o que hai é o intento da Xunta de integrar as liñas de transporte escolar para así aforrar cartos, pero na práctica o que deseña son unhas liñas de autobús e unhas paradas totalmente irracionais", concluíu.

Á vista de que a Xunta repite nos novos contratos os erros que levaron hai dous anos á convocatoria de folga no transporte de viaxeiros/as en toda Galiza, a CIG realizará asembleas de traballadores e traballadoras para valorar as accións a desenvolver.

Otros articulos relacionados.....

comocrearunaalertadenoticiasxornalgalicia

Feijóo y su amigo Marcia Dourado PPdeG y sus amistades "de la droga" familiarizados con Feijóo y Rajoy que asistía a reuniones orgánicas.

24 May 2019 12:55

Más de medio centenar de jóvenes regatistas de Vigo, Canido,...

Agenda de Galicia
24 May 2019 12:53

Unha exposición realizada grazas á recompilación de obxectos...

Agenda de Galicia
23 May 2019 16:56

Mañana, 24 de mayo de 2019, el Costa Favolosa, perteneciente...

Agenda de Galicia
23 May 2019 15:12

O Festival da Canción Misioneira de Ourense chega ao seu 50 aniversario...

Agenda de Galicia

laquerellaeslarespuestadelppsidenunciascorrupcion