Información
Galicia

USC recibirá 660.000 euros de Erasmus Plus para programas de mobilidade con universidades asiáticas e da rexión do Mediterráneo sur

Información
23 Junio 2016 2059 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A USC recibirá cerca de 660.000 euros do programa Erasmus Plus 2014-2020 para a mobilidade de alumnado e de profesorado entre a institución compostelá e universidades de Asia e a rexión do Mediterráneo sur. Esta achega encádrase na Acción Clave 1 Internacional Credit Mobility KA107, xestionada a través do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) e desenvolverase nos próximos cursos 2016-2017 e 2017-2018.
A Universidade compostelá concorreu ao reparto de fondos xunto con outras 63 universidades españolas, sendo a cuarta de España por número de mobilidades financiadas e importe total concedido, por detrás de Granada, Cádiz e a Politécnica de Cataluña. O Servizo de Relacións Exteriores foi o responsable de elaborar a proposta, baseada na traxectoria da institución académica compostelá en materia de cooperación en educación con universidades de diversos países de fóra da UE.
O financiamento alcanzado pola USC representa ao redor do 5% do total dos fondos repartidos entre as entidades de educación superior de España presentadas á convocatoria. O reparto de axudas correspondeu a un comité de expertos/as que tiveron en contra a relevancia da estratexia, a calidade dos mecanismos de cooperación, a calidade do deseño e execución do proxecto, ademais do seu impacto e difusión.
Nos dous próximos cursos alumnado e persoal docente, tanto da USC como das universidades asiáticas e da rexión do Mediterráneo sur que se asocien á proposta serán os beneficiarios dos fondos para realizar máis de 180 mobilidades de estudo, de entre cinco e 9 meses de duración, ou de docencia (durante unha semana), seguindo o modelo xa establecido de mobilidades Erasmus en Europa.
Durante o primeiro semestre do próximo curso, o Servizo de Relacións Exteriores da USC informará en detalle á comunidade universitaria das modalidades do programa, convocatorias concretas, dotación das bolsas e requisitos para participar. Todos estes detalles definiranse unha vez se asine o correspondente convenio financeiro coa Axencia SEPIE proximamente.

Otros articulos relacionados.....