Carmela Silva inicia os trámites pra denunciar ao Goberno de Feijóo por abandono das suas obrigas como Presidente da Xunta co Pazo de Lourizán

Información
Galicia | 27 Julio 2019 | 1778 Votos | Correo electrónico | Imprimir
Pleno da Deputación

O trámite xudicial contra o goberno do PPdeG na Xunta chega aos xulgados tras catro requirimentos previos da Deputación de Pontevedra aos que a Xunta de Galicia nunca deu resposta

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe a interposición dun recurso contencioso-administrativo para que a Xunta de Galicia cumpra coas súas obrigas de executar as obras de conservación necesarias para o mantemento da zona nobre da Finca de Lourizán. O deputado Carlos Font explicou que "a vía do contencioso chega despois dos sucesivos incumprimentos da Xunta dos convenios que lla obrigan a realizar as obras de conservación do Pazo, e despois de ata catro requirimentos á Consellería sen que nunca houbera unha soa resposta pola súa parte. Polo tanto, dixo o deputado, presentamos este recurso para defender unha xoia pública de todas as pontevedresas e pontevedreses que ven frustradas as súas expectativas de gozar do patrimonio histórico e arquitectónico pola  inacción da Xunta de Galicia

 

Font lembrou que a finca de Lourizán onde radica o Pazo, obra de Genaro de la Fuente, residencia de Montero Ríos, inmoble histórico catalogado e ao que os historiadores lle confiren a condición de ser o centro político da restauración española, está cedida durante 30 anos pola Deputación de Pontevedra á Xunta de Galicia por un convenio de colaboración  do 22 de xaneiro de 1991, modificado posteriormente o 21 de xaneiro de 2000, no que se cedeu a finca, e tamén todos os edificios, instalacións e plantacións existentes na mesma. Así, as obrigas da Xunta de Galicia, tanto no convenio orixinal como no modificado, establecen que lle corresponde efectuar as obras de conservación para o mantemento da zona nobre do conxunto.

En base ás medidas legais analizadas polos servizos xurídicos da Deputación, o 10 de maio de 2019 formulouse un requirimento previo á interposición deste recurso, polo que se requiría en forma á Xunta de Galicia a que cumprise coa súa obriga,  "e de novo so atopamos o silencio dunha administración pública que non atende ás súas competencias, que desatende  flagrantemente os seus propios compromisos convencionais e co conxunto da cidadanía".

Carlos Font cualificou de "incomprensible" a postura do grupo popular defendendo unha proposta de 5 millóns de euros para a rehabilitación do Pazo "co simple obxectivo de lavar a cara a ENCE cando, amais, a avaliación técnica das deficiencias reais ocorridas pola neglixencia da Xunta de Galicia ascende a 14.225.010 euros. É dicir, rematou Font, que non cubriría nin a terceira parte das obras necesarias no Pazo".  O deputado asegurou que "o certo é que a Xunta de Galicia non deixa alternativa algunha á interposición deste contencioso-administrativo, que chega pola súa desatención, polo incumprimento das súas obrigas, polo seu desprezo aos requirimentos previos desta Deputación e pola súa falta de respecto ao noso patrimonio e á cidadanía".

Carlos Font quixo tamén recordar como o 30 de maio de 2008, cando o PP gobernaba a Deputación de Pontevedra, oito meses antes das eleccións, o goberno provincial remitiu un requirimento ao entón presidente da Xunta Emilio Pérez Touriño. "Iso si, dixo Font, ese requirimento perdeuse e desapareceu tan pronto Núñez Feijoo tomou posesión do goberno da Xunta en abril de 2009". "Agora, rematou o deputado, tras dez años de inacción do PP e cun grupo provincial popular renovado, vemos que nada cambiou".

social youtube xornalgalicia   feed-image