O Goberno de Feijóo "PPdeG" négase en rotundo a recuperar os saltos hidráulicos para favorecer a industria galega e combater a pobreza enerxética

Información
Galicia | 23 Octubre 2019 | 1716 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Os votos en contra do Partido Popular impediron que saíra adiante a Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola CIG, cuxa toma en consideración se debateu esta mañá no Parlamento de Galiza.

Los vecinos de Os Peares obligan a que las obras de ampliación del embalse se hagan de noche para que no les corten el acceso al médico y al colegio

Unha ILP que chegou ao Pazo do Hórreo avalada por 13.713 sinaturas, na que se contemplaba a reversión á xestión pública dos saltos e aproveitamentos hidráulicos; a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.

 

Unha ILP que permitiría evitar o "descontrol" das eléctricas, ao tempo que posibilitaría que os custos da enerxía revertan no desenvolvemento do noso país, tal e como explicou Fernando Branco, responsábel de Enerxía da CIG-Industria, que foi o encargado de representar á central sindical na defensa da ILP.

Branco lembrou que esta Iniciativa segue o traballo iniciado coa ILP defendida en maio de 2016 no Parlamento, que fora tomada en consideración por unanimidade de todos os grupos, con anterioridade. E que pretendía “garantir a enerxía como servizo público e combater a pobreza enerxética”, mais que tivo o “triste mérito de ser a que máis tempo botou de tramitación neste parlamento e o seu final non tivo nada que ver co seu principio”, lamentou.

Explicou que, porén, hai unha diferenza importante respecto a 2016 porque neste intre as galegas e galegos xa empezamos a aboar os denominados suplementos territoriais, isto é, "tarifas diferentes segundo a comunidade autónoma na que se viva". Suplementos que, denunciou, prexudican especialmente a Galiza, xa que imos pagar 38 millóns de euros, cando Euskadi vai pagar 0€, ou Madrid 2,4 millóns de euros. Un incremento que, advertiu que xa se notará na seguinte factura da luz das galegas e galegos e que deixan en evidencia a xustificación que, no seu día, deu o PP para mudar a ILP por unha tarifa eléctrica galega, que foi, daquela, que no Estado non pode haber tarifas diferenciadas.

A auga, un ben público

Diante desta situación, o responsábel de Enerxía da CIG-Industria considerou que, por iso é máis necesaria aínda esta ILP. Máis tendo en conta que a auga é un ben público pero "non hai sentimento social nin político de que as infraestruturas nos ríos tamén son obrigatoriamente públicas, con xestión privada, pero públicas" e que hai concesións que veñen do século XIX cando a Lei de Augas establece unha límite de 75 anos.

Branco denunciou que nunca se acometeu a necesaria reversión destas instalacións e que o coñecemento dos expedientes de concesión está "nunha situación caótica". Lembrou ademais que a construción das centrais hidráulicas respondeu ao modelo investimento-concesión de augas, polo cal as empresas privadas tiñan un tempo para recuperar o seu investimento.

Neste sentido explicou que a grande maioría desas concesións foron dadas cando a retribución da produción hidroeléctrica estaba fixada polo goberno central no denominado Marco legal e Estable, mais que iso mudou ao aprobarse, no ano 1997, a primeira lei do sector eléctrico que fixo que, desde aquela, a súa retribución xa dependa do mercado maximalista (pool), favorecendo que as eléctricas tiveran o que denominou como "hiperbeneficios".

Galiza produce o 23% do Estado

Fernando Branco asegurou que Galiza conta con 3.738 mw de potencia instalada, o 18% da potencia do Estado, pero cunha produción media, no último decenio, do 23% do Estado, ou o que é o mesmo, "case a cuarta parte da produción hidroeléctrica é galega".

Por iso demandou a reversión á xestión pública dos aproveitamentos hidroeléctricos, e solicitou a toma en consideración desta Iniciativa Lexislativa Popular, tendo en conta que, se puideron recuperalos para o sistema público noutras comunidades, como en Aragón, onde xa se reverteron ao control público catro saltos da conca do Ebro, tamén se pode facer aquí.

Unha "recuperación para o público do que é público" para que Galiza conte con enerxía renovábel para aproveitala en favor do noso desenvolvemento industrial, nunha situación crítica como á que se enfronta a industria electrointensiva ou as térmicas.

PP en contra

Porén a ILP non saíu adiante porque, aínda que a oposición en pleno manifestou o seu apoio, cando chegou a quenda do PP, a deputada Marta Nóvoa, a emprendeu a berros atacando primeiro as intervencións de todos os grupos e despois ao representante da CIG. Escudouse en cuestións técnicas para xustificar o voto negativo do seu grupo, acusou aos demais de “demagoxia”, e fronte a demanda da CIG de control público da enerxía reclamou “eficiencia”.

Fronte a isto, na súa quenda de réplica, Branco agradeceu o voto favorábel do BNG, En Marea, Común de Esquerda e PSOE e acusou ao PP de estar actuando “contra os intereses do pobo galego”. Afirmou que “as decisións políticas non poden tomarse en función de criterios técnicos”, recomendou á deputada que revisara varios artigos da lexislación para que comprobara quen recorre realmente á demagoxia e dirixíndose á bancada do PP afirmou que “van votar en contra, pero non van deter a historia”, insinuando que se esta ILP non se aprobou hoxe, aprobarase cando o Partido Popular non estea á fronte do goberno galego.

Carril denuncia a desidia do PP ante a crise industrial que padece Galiza

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, tamén  manifestou a súa indignación diante do voto en contra do PP. Acusouno de  non tomar medidas, nin apoiar ningunha iniciativa, para que a enerxía, “como servizo público que é, se poña ao servizo do noso desenvolvemento industrial, para favorecer a creación de emprego” e considerou esta negativa a apoiar a ILP máis grave aínda “ante a grave situación industrial en Galiza, cando estamos a vivir o peche de empresas ou están ante un futuro incerto moitos postos de traballo polos altos custes da electricidade”.

Para Carril “o PP retrátase perfectamente nesta votación e co seu voto faise evidente a responsabilidade que ten ante o dramático proceso de desertización industrial en Galiza”. Por iso denunciou que “pretenden que sirvamos submisos e resignados a que o espolio á nosa enerxía sirva para criar riqueza e traballo noutros territorios mentres en Galiza se destrúen postos de traballo, pechan empresas e non para a emigración”.

Lembrou que desde Galiza subministramos enerxía eléctrica para o Estado español, soportamos grandes custes sociais e ambientais, neste caso polos saltos hidráulicos, pero “a postura do PP é negarse a que esta realidade de produción eléctrica reverta para o noso benestar social e para a creación de emprego e industria”. Cualificou de “indignante” que malia isto, no canto de “poñer a enerxía ao servizo do pobo e pór freo aos intereses das eléctricas” permita que cada día “amasen máis beneficios”.

Para o secretario xeral da CIG “non valen os discursos fraudulentamente críticos do PP co que fai e desfai o Goberno do PSOE en Madrid. Non valen os golpes no peito ante o desastre industrial que hai en Galiza cando como Goberno Galego tendo competencias e podéndoas exercer non quere exercelas”. Por iso advertiu que desde a CIG “non imos parar de seguir tomando iniciativas, de loitar para que non pechen as nosas fábricas, nin máis xente viva na pobreza enerxética, polos altos prezos da enerxía”.