Información
Galicia

O grupo INVESAGA da USC e a Asociación do Corzo Español (ACE) atribúen á mala xestión das poboacións de cérvidos o contaxio de Hypoderma actaeon ao corzo

Información
14 Julio 2016 3100 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

Integrantes do grupo Investigación en Sanidade Animal Galicia (INVESAGA) da USC

O grupo de investigación en Sanidade Animal Galicia (INVESAGA), con sede na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC, identificou en corzos larvas dun parasito que até a data só se observou en cervos e ocasionalmente en gamos. Este achado é o resultado dunha investigación realizada a iniciativa da Asociación do Corzo Español (ACE) no marco do convenio de colaboración que mantén esta entidade coa USC para o seguimento sanitario dos corzos españois, segundo indicou Patrocinio Morrondo, catedrática da área de Sanidade Animal da USC e integrante do equipo INVESAGA (Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia, coordinado por Pablo Díez Baños, catedrático de Sanidade Animal da USC).

 

A identificación deste parasito por parte dos investigadores do Campus Terra da USC produciuse tras a realización dun minucioso estudo das larvas de Hypoderma, achadas baixo a pel de corzos procedentes do centro de España e que foron remitidas pola Asociación do Corzo Español a INVESAGA. Tras realizar a identificación das larvas de Hypoderma, a profesora Rosario Panadeiro Fontán, experta de recoñecido prestixio internacional en hipodermose e integrante de INVESAGA, determinou que eran larvas de Hypoderma actaeon, unha mosca da familia dos oéstridos, que provoca intensas reaccións hemorráxicas baixo a pel dos animais infectados.

 

Os efectos de Hypoderma actaeon non son letais, pero os seus efectos adversos poden verse agravados en combinación con outros axentes patóxenos, o que á súa vez depararía consecuencias negativas para as poboacións de corzos, segundo advirte Morrondo. Esta investigadora sinala así mesmo que a aparición destas larvas en corzos, descritas até agora en cervos, que estaban considerados como os seus hospedadores habituais, responde probablemente a unha deficiente xestión demográfica en leiras e reservas públicas de caza, nas cales hai altas densidades de cervos. De feito, Patrocinio Morrondo entende que as altas densidades de cervos existentes nas rexións da meseta central favorecen a presenza deste parasito no medio natural, o que, en consecuencia, posibilita o seu traspaso aos corzos que comparten os mesmos espazos; por iso é polo que se produza esta infección cruzada.

 

Do mesmo xeito que Cephenemyia stimulator, outra miase presente nos corzos en España desde hai anos, as larvas da Hypoderma actaeon teñen un ciclo biolóxico no que a mosca voa durante o verán, período no que deposita os ovos sobre o pelo do corzo. As larvas nadas penetran a través da pel e, tras dúas mudas, realizan un orificio no tecido cutáneo polo cal respiran. O momento máis adecuado para detectar as larvas baixo a pel dos animais infectados correspóndese con finais de inverno e inicio da primavera.

 

Ante a aparición ou, cando menos a identificación, deste novo parasito en corzos, a Asociación do Corzo Español fai un chamamento para que se adopten as medidas adecuadas de xestión das poboacións de cérvidos, a fin de poder minimizar a incidencia deste parasito nas poboacións de corzo. Así mesmo, a ACE continúa traballando para coñecer o alcance real do proceso mediante a recolección de larvas subcutáneas, así como mostras de pel e sangue para o seu posterior estudo no marco do convenio que ten co grupo INVESAGA da USC. Se calquera persoa quere colaborar pode facelo a través da pestana "Proxecto Oéstridos" na web http://www.corzo.info.

Otros articulos relacionados.....