GONZALO CABALLERO CHAMA A CONFIGURAR “UN ESCUDO PROTECTOR” PARA QUE “NINGUÉN QUEDE ABANDONADO” POLA CRISE DO CORONAVIRUS

Información
Galicia | 26 Marzo 2020 | 1526 votos | Correo electrónico | Imprimir

Gonzalo Caballero

O secretario xeral do PSdeG reclama á Xunta “unha acción integral” nos eidos sanitario, social e económica para “unha saída entre todos” desta crise

Santiago, 26 de marzo de 2020. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, chamou hoxe a configurar dende o eido público “un escudo protector” que sirva para que “ninguén quede abandonado” como consecuencia da crise do coronavirus, con medidas nos ámbitos sanitario, social e económico.

 

Así o dixo na súa intervención na Deputación Permanente, que comezou cunha mención ás persoas falecidas a causa deste virus e tamén para os que están contaxiados. “É o momento de estar a carón de quen sufre e de quen atravesa dificultades”, recalcou o líder socialista.

A continuación, puxo o foco naqueles que “co seu traballo, permiten que o país siga” adiante, e dedicou “o noso recoñecemento” ao persoal sanitario e a quen traballa nos servizos sociais. Gonzalo Caballero tivo palabras tamén para os galegos que se atopan confinados, ao tempo que enviou unha fonda aperta aos milleiros de maiores que atravesan esta situación en soidade.

Dito isto, o máximo dirixente do PSdeG sinalou que “preocúpannos as persoas” e as consecuencias da propagación do coronavirus tanto a nivel sanitario como económico. Así é que demandou “traballar en clave de futuro” para palialas despois de apuntar que “ninguén tivo a capacidade” de anticiparse á situación que estamos vivindo.

Coa óptica de que a lección que extraemos desta crise é a importancia do estado do benestar e dos servizos públicos, Gonzalo Caballero chamou a fortalecer a sanidade pública con máis recursos humanos, materiais e infraestruturas. Por iso, avogou por dar “contratos estables” ao persoal sanitario, deixando atrás o sistema “precario” das listas.

É necesario un cambio, e agora é o momento”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen requiriu tamén ao goberno galego máis persoal e máis protección para as residencias de maiores e de persoas con diversidade funcional e artellar mecanismos de axuda para os nenos de familias en situación de vulnerabilidade e que antes acudían aos comedores escolares.

MÁIS MEDIDAS

En paralelo, pediu medidas no ámbito económico, en liña co plan de acción “histórico” aprobado polo goberno de España que supón mobilizar unha cantidade equivalente ao 20% do PIB do país. “O feito en Galicia quédase curto”, evidenciou, e chamou a empregar niso fondos europeos.

Finalmente, Gonzalo Caballero pediu “máis material e en mellores condicións” para os concellos, por seren os encargados de xestionar boa parte das políticas sociais.

social youtube xornalgalicia   feed-image