O principal problema da epidemia do coronavirus en Galicia esta actualmente na gran mortalidade (40% do total) das persoas que viven na Residencias de Maio

Información
Galicia | 13 Abril 2020 | 2585 Votos | Correo electrónico | Imprimir

Ante o comunicado e posicionamento da Sociedade de Xerontoloxía e Xeriatría de Galicia sobre a situación actual nas Residencias de persoas maiores, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública ( AGDSP), quere manifestar o seguinte:

1.- A Sociedade atribúe as mortes a que as residencias non son servizos sanitarios e defende a calidade das instalacións e das condicións das mesmas a pesar de: a) As denuncias de familiares e do persoal sobre as deficientes condicións nas mesmas; b) Do Informe do Consello de Contas de Galicia do 2018 que denunciaba a falta de controis da administración, falta de persoal, problemas nas instalacións, incumprimento de protocolos de funcionamento, etc., por parte das xerencias dos centros; c) Dos informes do “Defensor del Pobo” que denunciaban o abuso das suxeicións psíquicas e físicas nos maiores das Residencias e relaciónaas coa escasez de persoal, o abuso de drogas psicotrópicas e outros fármacos sedantes e a alta frecuencia de suxeicións físicas, moi superiores aos doutros países de Europa que atentan contra a saúde física  e psíquica (angustia, axitación, perda de autoestima e da dignidade)  destas persoas); d) Das numerosas investigacións e informes recolleitos polos medios de comunicación sobre o lamentable estado de moitas delas e dos seus residentes.

 

2.- Acusan o Sistema Sanitario (suponse que ao persoal de Atención Primaria e Especializada e Hospitais) de non atender aos maiores nas residencias e de rexeitalos nos hospitais, sen achegar probas de tan grave acusación. Con todo non fai referencia á responsabilidade da administración sanitaria galega, que ten transferida a responsabilidade das mesmas, que non as controlou adecuadamente e que non puxo no seu momento os medios necesarios (test diagnósticos, equipos de protección…) para garantir a seguridade e a saúde do persoal coidador e dos residentes.

3.- Afirma que os Centros de Saúde están pechados (algo non é certo en todas as áreas) e que seguen atendendo a miles de pacientes, evitando así a conxestión dos servizos de urxencias e das camas de hospitais. A Atención Primaria desenvolvendo un gran labor informando, atendendo e coidando ás persoas afectadas nos seus domicilios.

4.- Por todo isto desde a AGDSP denunciamos que a directiva desta sociedade pretende tamén exonerar de responsabilidade ás empresas que xestionan as residencias (en boa parte multinacionais francesas e británicas, con portas xiratorias incluídas) que fan un enorme negocio coas mesmas recortado os seus recursos e incumprindo as normas e protocolos establecidos para dar seguridade aos residentes.

O principal problema da epidemia do coronavirus en Galicia esta actualmente na gran mortalidade (40% do total) das persoas que viven na Residencias de Maiores e que perece ter unha estreita relación coas deficiencias en moitas delas polo que consideramos prioritario que se adopten as medidas necesarias para acabar con esta alarmante situación

Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública 

social youtube xornalgalicia   feed-image