CCOO cualifica de «irresponsable e temeraria» a decisión da Consellaría de Política Social de non facilitar material de protección nin realizar os test PCR unha vez rematada a súa quenda de traballo
Comisións Obreiras (CCOO) denunciará a decisión «irresponsable e temeraria» da Consellaría de Política Social ao negarlle material de protección esencial ás traballadoras e traballadores da residencia integrada de Baños de Molgas, na provincia de Ourense. O sindicato tamén critica que, ao remate da quenda de traballo, ao persoal non se lle realicen as probas de proteína C reactiva, coñecidas como test PCR, que permiten a detección do coronavirus.
A residencia integrada de Baños de Molgas acolle residentes afectados de coronavirus que, ao seren diagnosticados como positivos de COVID-19, foron trasladados desde a súa residencia de orixe. O persoal depende da Consellaría de Política Social ten xornadas de doce horas diarias e está confinado cos residentes durante sete días consecutivos, para despois manter unha corentena de catorce días no seu domicilio, antes de iniciar unha nova quenda de traballo.
Malia a insistencia de CCOO ante a Consellaría, o sindicato ten constancia de que o persoal que rematou a última quenda regresou ao seu fogar «sen as mínimas medidas de seguridade», isto é, sen que se lle realizase o test PCR, sen máscara ou calquera outro material que permita garantir a propia protección e a da familia.
CCOO lembra que estas traballadoras expóñense a un maior risco de contaxio, pois están en contacto directo co coronavirus e confinadas durante sete días con doentes confirmados de COVID-19, polo que tamén poden ser potenciais portadoras ou propagadoras do virus.
Para CCOO é «unha irresponsabilidade e unha temeridade» que Política Social permita o regreso deste persoal aos seus postos sen a realización de test nin a dotación de material de protección, e afirma que isto está a acontecer noutras residencias, como a compostelá da Porta do Camiño.
Galicia acaba de recibir 1,5 millóns de máscaras.
Para CCOO é «inadmisible e incompresible» que as forzas e corpos de seguridade estean a repartir máscaras de xeito masivo entre a cidadanía como medida de protección, pero que o mesmo dereito se lle denegue a profesionais que están en contacto directo co COVID-19. O sindicato lembra que Galicia recibiu a pasada fin de semana máis de 1,5 millóns de unidades deste material, subministrado polo Goberno central.