Pastoriza , responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, critica "as mentiras" da Administración galega en relación aos dous tipos de máscaras retirados esta mesma semana por defectuosas. "Á Xunta sae publicamente asegurando que non hai risco porque aínda que mercaron este tipo de máscaras, estas non saíron da Plataforma de Distribución. Cando isto non é verdade. Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido", puntualiza.
Relacionado con isto, Pastoriza aféalle ao Goberno galego "que levamos dez días agardando a que se fagan os prometidos test serolóxicos a todos os traballadores e traballadoras das ambulancias, pero a día de hoxe só se realizaron probas a un grupo reducido do persoal". Neste senso, e atendendo a que no sector se estiveron usando as máscaras defectuosas e que hai dúbidas sobre a eficacia dun cuarto tipo de máscaras, a CIG urxe á realización dos test a todo o persoal para comprobar o alcance da incidencia da Covid19 no sector e previr novos contaxios entre traballadores/as e usuarios/as