Información
Galicia

O Idega destaca no estudo ‘A economía galega. Informe 2015’ que as exportacións aumentaron un 5,7% o ano pasado en Galicia

Información
29 Julio 2016 1848 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

 

Galicia rexistrou o pasado exercicio o mellor dato da serie histórica de exportacións. Esta variable relativa aos intercambios comerciais co exterior aumentou un 5,7%, segundo recolle o Idega no estudo ‘A economía Galega. Informe 2015’, un traballo dirixido polo catedrático da USC Alberto Meixide e que na súa trixésima edición reflexa a evolución experimentada polos diversos sectores da economía galega en 2015 e nos comezos de 2016.

 
A balanza comercial exterior de Galicia mellorou o pasado ano en todos os sectores, segundo precisa o Idega no informe que vén de presentar no marco dun acto no que participaron ademais do propio Meixide, o director xerente de Afundación, Pedro Otero, e o director de Planificación Estratéxica e Control de Abanca, Pedro Veiga. “Medrou o exportado en todos os grupos arancelarios relevantes se ben, pola súa dimensión, cabe destacar o incremento das exportacións de materiais téxtiles e confección, un 14,2%. Material de transporte, en especial as transaccións en vehículos automóbiles, seguiu liderando as ventas externas galegas, aínda que o crecemento en 2015 foi inferior á media. Estes dous grupos absorberon máis da metade do exportado por Galicia. Francia e Portugal seguen sendo os principais países de destino e procedencia do comercio externo galego”, indica.
 
Respecto da evolución experimentada no período obxecto do estudo pola economía en Galicia, que pechou as contas públicas de 2015 cun déficit de 0,67% do PIB, o Idega sinala no seu informe que a economía galega medrou un 2,1 % segundo o IGE o que supón 1,7 puntos máis que o ano anterior e o mellor comportamento desde 2007. O INE estimou un crecemento do 3,2%. A actividade foise consolidando a medida que avanzaba o ano. Todos os compoñentes da demanda creceron en 2015. É destacable, salienta o estudo, a recuperación do consumo dos fogares, que avanzou un 2,3 % (1,8 puntos máis que no ano anterior), que é resultado da mellora do mercado de traballo e do mercado de crédito, así como das expectativas dos consumidores.
 
Polo lado da oferta, todas as ramas de actividade, tanto na estimación do INE coma do IGE, medraron. O sector agrario caracterizouse por unha expansión dos volumes de produción e o abaratamento das materias primas, factores contrarrestados pola caída dos prezos. O resultado foi unha notable redución da renda agraria. Pola súa banda, o sector pesqueiro proseguiu adaptándose á nova Política Pesqueira Común.
 
O sector industrial experimentou unha recuperación similar a rexistrada no PIB grazas ao comportamento da industria transformadora. Esta evolución positiva foi en parte contrarrestada polo peor resultado do sector enerxético. Cabe destacar o elevado incremento do Índice de Produción Industrial (IPI) en todos os grandes grupos, salvo en bens de consumo non duradeiro, cuxa actividade mantívose estancada, e na xeración de produtos enerxéticos, na que a variación foi negativa. O IPI xeral medrou un 4,2% en 2015. Por ramas, sobresae o avance de fabricación de produtos metálicos, fabricación de vehículos a motor e doutros produtos minerais non metálicos.
 
A construción medrou en Galicia en 2015, aínda que por baixo da media estatal. A recuperación do sector baseouse máis na obra pública que na edificación residencial. O mercado inmobiliario mostrouse moi estancado. A oferta de vivendas apenas variou e a demanda aínda está por despegar. Pola contra, o gasto público alcanzou niveis máis elevados que nos exercicios precedentes.
 
O avance no sector terciario, que representaba o 62,4 % do VEB galego, foi dun 2 % cun comportamento especialmente bo nas actividades profesionais (5,5 %), comercio, transporte e hostalería (3,5 %) e información e comunicacións (2,3 %). Cabe destacar o comportamento do turismo. O número de viaxeiros aloxados en hoteis acadou un novo récord histórico, cunha taxa de crecemento do 11,8%, 3,7 puntos máis que en 2014. Por segundo ano consecutivo foron os visitantes procedentes do estranxeiro os que rexistraron o maior crecemento. Os resultados foron mellores que os do conxunto de España, se ben, persistiu unha estadía media moi baixa.
 
Economía internacional e española
A nivel español, a demanda nacional foi o factor fundamental de crecemento, ao achegar 4,1 puntos porcentuais ao avance do PIB, froito do dinamismo do consumo dos fogares e empresas e do investimento produtivo, ademais da recuperación do mercado de traballo. No eido dos sectores produtivos, cómpre resaltar os bos datos rexistrados no turismo. En conxunto, a economía española constata un avance do 3,2 % en 2015, o máis elevado desde 2007. Este novo ciclo de crecemento tivo o seu impacto positivo no mercado de traballo. Non obstante, o déficit público pechou 2015 nun 5,2 % do PIB, un punto superior ao pactado con Bruxelas (4,2 %).
 
As estimacións do Goberno para a economía española é que medrará nun 2,7 % en 2016, impulsada tanto polo consumo propio como polo privado, e o 2,9 % en 2017. Pola súa banda, o Banco de España e o Fondo Monetario Internacional sitúan estes avances no 2,7% e no 2,6 %, respectivamente, en 2016 e no 2,3 % en 2017. A Comisión Europea estima a previsión para o presente ano 2016 nun 2,6 %, e coloca no 2,5 % a de 2017. 
Otros articulos relacionados.....