Leticia Gallego acusa ao goberno galego de sobresaturar aos servizos sanitarios con funcións alleas á saúde pública

Información
Galicia | 30 Junio 2021 | 1806 Votos | Correo electrónico | Imprimir

Leticia Gallego 300621 01A portavoz de Turismo do Grupo Socialista, Leticia Gallego, levou hoxe a Comisión parlamentaria a “improvisación” demostrada pola Xunta de Galicia na posta en marcha do bono turístico Quedamos en Galicia, publicado o 13 de abril no DOG e esgotado en poucas horas. Gallego presentou unha pregunta na que advertiu de que a descoordinación entre Turismo e Sanidade provocou a saturación dos centros de saúde.

 

Explicou que ao establecer a Chave365 como requisito para obter as axudas pensadas para impulsar o turismo interior, e como os centros de saúde están autorizados a facer esta xestión, aínda que só por motivos de saúde, isto provocou que no mes de abril tiveran que soportar colas de xente para tramitar o bono turístico da Xunta. Lamentou a falla de información desta situación por parte de Sanidade, tal e como recoñeceron hoxe en Comisión.

Resume que “os días de facer a solicitude do bono turístico, estaban con máis xente da habitual, o que ocasionou máis colas e máis espera, xa que o persoal de administración, xa saturado pola situación actual, realmente non facía o traballo de sanidade por ter que atender ás necesidades de Turismo”.

Advertiu de que “en próximas convocatorias do bono turístico dende a Vicepresidencia da Xunta terán que poñerlle unha solución coordinándose coa Consellería de Sanidade para non saturar ao persoal nin facerlle pagar ás persoas que necesitan de atención sanitaria”. Reclamou que “poñan solución á solicitude da Chave 365 par ao bono turístico ou repetirán a mesma situación e o persoal sanitario está colapsado, saturado e non pode máis”.

Malestar

Salientou ademais o malestar dos usuarios pola xestión deste bono, que pasou “do éxito ao enfado” por canto “a día de hoxe non se resolven os expedientes, e os que si se resolven son aceptados provisionalmente”, co que “o usuario paga o bono pero aínda non dispoñen del”. Preguntou “para que lle serve o bono á xente se llelo van dar despois das vacacións”.

O rosario de irregularidades continúa co “colapso tecnolóxico da Administración”, que demostra a “improvisación dunha Xunta que non está preparada para xestionar o aluvión de peticións”, ademais das suspicacias provocadas porque “non se está a respectar a rigorosa orde de inscrición”. Ademais, o bono só permite o uso de pago con tarxeta física, o que tira pola borda tódolos esforzos para a dixitalización, excluíndo aos establecementos online.

social youtube xornalgalicia   feed-image