G. CABALLERO VE “INDECENTE” O AUMENTO DO GASTO EN ALTOS CARGOS E GABINETES DA XUNTA MENTRES ESMORECE EN SANIDADE

Información
Galicia | 24 Agosto 2021 | 2095 Votos | Correo electrónico | Imprimir

Gonzalo Caballero 240821 02O líder dos socialistas analizou os últimos informes do Consello de Contas: o modelo da Xunta falla en inversión en sanidade e na precarización dos profesionais sanitarios

 

Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2021. O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, cualificou hoxe de “indecente” que a Xunta incremente o gasto da Xunta en altos cargos e delegados territoriais nun 5%, así como o de persoal eventual de gabinete, nun 6,75% segundo o último informe do Consello de Contas, mentres Galicia inviste moito menos en sanidade por habitante que comunidades coma o País Vasco ou Asturias. O líder dos socialistas galegos remitiuse ao último informe do Consello de Contas, “demoledor” coa xestión sanitaria da Xunta.

Caballero criticou en concreto o incremento do persoal temporal, interino e eventual mentres o gasto sanitario de Galicia é 250 euros por habitante inferior ao de por exemplo Asturias, unha Comunidade Autónoma cunha pirámide poboacional e unha orografías equiparables.

Sen embargo, outras rexións como País Vasco, Asturias, Navarra, Estremadura, Aragón, Cantabria ou Castela e León invisten máis que Galicia, que é certo que supera a Madrid, a cal “non é precisamente o noso modelo de referencia”, mais tendo en conta que os custes de prestación de servizos sanitarios difiren polo envellecemento e dispersión da poboación galega.

Galicia ten unha poboación máis envellecida e máis espallada que a capital do Estado, o que require un maior esforzo sociosanitario, e “non podemos consentir” que o persoal indefinido dedicado á sanidade teña diminuído un 1,5 por cento, os funcionarios un 15 por cento e o persoal laboral outro 14 por cento no ano do informe, xusto antes da pandemia.

Mentres, a temporalidade está disparada, chegando ao 44 por cento en atención especializada e un 28 por cento en Atención Primaria por parte dun goberno que fai da precarización e da falla de investimentos unha “debilidade estrutural” do seu modelo sanitario.

O líder dos socialistas galegos debullou este panorama, dixo, nunha Consellería que gastou en 2019 un total de 602 millóns de euros en proxectos sen publicidade nin concorrencia competitiva, segundo revela o Consello de Contas.

Endebedamento

O secretario xeral do PSdeG-PSOE advertiu de que o esmorecemento do investimento na sanidade pública coincide precisamente nunha etapa na que o goberno galego disparou o endebedamento de Galicia nun 132,87 por cento. Segundo o Consello de Contas, entre 2009 e 2019 Galicia pasou dun endebedamento de 4.859 ata os 11.315 millóns de euros, que “non foi paralelo a un incremento do compromiso de investimento nos servizos públicos”.

Concluíu que “fronte a esa indecencia, reclamamos máis cartos para a sanidade pública galega e un modelo de contratación dos profesionais sanitarios que abandone a temporalidade e as substitucións para apostar por prazas estables e prazas fixas”. Caballero situou así os recortes de Feijóo fronte á radiografía do ente fiscalizador, que sinala que “Galicia inviste moito menos do que pode e do que debera”.

Reclamoulle ao presidente da Xunta que explique por que non inviste na sanidade pública, implantando un modelo baseado na precariedade e a temporalidade. Esixiulle que mude o seu modelo para “deixar dunha vez de incrementar os gastos de altos cargos, delegados territoriais e persoal de gabinete” para defender unha política laboral baseada na estabilidade e a profesionalidade.

social youtube xornalgalicia   feed-image