Tampouco é suficiente que se elimine a LOMCE cando despois, no ensino universitario, se nos aplicará o Decreto do 3+2. Primeiro, co Plan Boloña

Información
Galicia | 19 Diciembre 2016 | 3401 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Foto rolda de prensaDesde a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza consideramos que as múltiples folgas estudantís que se levaron a cabo na Galiza desde a aprobación da LOMCE foron un paso fundamental para chegarmos a esta situación. Porén, somos conscientes de que a supresión das reválidas non é suficiente, dados os moitos outros aspectos prexudiciais para o ensino público que a lei inclúe: a computación da materia de Relixión para a media, a redución de horas do galego como lingua vehicular no ensino, a blindaxe dos concertos educativos con centros privados, a Formación Profesional Dual, a recentralización de competencias educativas ou a desprotección do alumnado con necesidades específicas na aprendizaxe.

Aínda que agora se abra un horizonte de posíbel pacto pola educación entre as forzas políticas, este pacto será papel mollado desde o comezo se parte de premisas como estas, se toma a LOMCE como base e simplemente modifica os aspectos polémicos, cando esta lei hai que mudala de raíz, porque o espírito que a motiva é a mercantilización e españolización do ensino público. Non podemos acreditar nun pacto pola educación que non contemple a participación da comunidade educativa galega e que se siga a facer de costas ao colectivo estudantil do noso país.

Tampouco é suficiente que se elimine a LOMCE cando despois, no ensino universitario, se nos aplicará o Decreto do 3+2. Primeiro, co Plan Boloña, a consagrada homoxeneización cos outros sistemas universitarios que todo o vale e todo o sacrifica supuxo que as carreiras pasasen de 5 a 4 anos, e para que estas valesen algo, había que completalas con mestrados, algúns deles restritivos para o acceso a determinadas profesións. O sistema encarecíase, posto que non son o mesmo os prezos dos mestrados – que por se for pouco, en moitas ocasións teñen que realizarse en universidades privadas – que os dos graos, e xerábase un proceso de devaluación e especialización dos coñecementos. Os graos empezaban a desempeñar un rol xenérico, que tería que ser complementado cos posgraos. Deste xeito, só quen tivese suficiente poder económico para cursar un posgrao podería estar especializado, ou mesmo capacitado para traballar en determinada profesión, quedando as restantes, como man de obra barata, desamparada, nas fauces dunha lexislación laboral famenta de precarias. Porén, como xa se sospeitaba desde a chegada de Boloña, o sistema do 4 + 1 era tan só unha ponte para a futura integración nun sistema máis radical de 3 anos de grao e 2 de posgrao. O encarecemento da formación completa coa implantación deste modelo non é difícil de imaxinar, un ano medio de grao vale 713€, un ano medio de posgrao – público – vale máis do dobre, 1501€.

Esta situación é insostíbel para o alumnado das clases populares galegas, e con máis razón cando a isto temos que sumar as taxas, o aumento do financiamento privado na universidade pública, o recorte orzamentario no ensino ou a redución nas partidas para Bolsas.

Pola construción dun pacto educativo adaptado ás necesidades do ensino galego e do que o estudantado sexamos parte activa, pola non aplicación do Decreto do 3+2 e contra os recortes no ensino público, desde a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza convocamos unha folga estudantil no ensino medio e universitario para o próximo 16 de febreiro, con mobilizacións ás 12 da mañá nas sete cidades e en moitas máis vilas do país que iremos anunciando proximamente.