CIG reitera que só a través da contestación social se poderán recuperar os dereitos roubados

Información
Galicia | 11 Marzo 2017 | 4110 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

Recuperar os nosos dereitos e derrotar as contrarreformas laborais. Baixo esa consigna a CIG mobilizouse neste 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, por todo o país. Unha data na que rememoramos os feitos ocorridos en Ferrol no ano 72, cando Amador Rey e Daniel Niebla foron asasinados a tiros pola policía franquista no marco das protestas dos/as traballadores/as dos estaleiros por un convenio colectivo digno e con dereitos. Unha reivindicación vixente, 45 anos despois.

Nunha data tan sinalada, a central nacionalista desenvolveu manifestacións en Ferrol (con carácter central), Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense. Pola súa banda, a CIG da Coruña acordou celebrar este 10 de Marzo sumándose á mobilización convocada en Cee polo persoal de Ferroatlántica, que ademais hoxe está de folga.

Precarización das condicións laborais e de vida

O Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, na súa intervención ao remate da manifestación de Ferrol na Praza do Himno, denunciou as nefastas consecuencias das reformas laborais postas en marcha polo goberno español, tanto do PSOE como do PP, en materia de condicións laborais, prestacións por desemprego, de xornada, de negociación colectiva, pensións, etc.