Centos de persoas de círculos de toda Galicia achegáronse ao longo do día a unha asemblea na que expresaron de xeito maioritario o rexeitamento á creación dun partido instrumental
As bases apoiaron á dirección de Podemos en que o único espazo posible para a confluencia é En Marea
Carmen Santos aposta pola participación en encontros temáticos e sectoriais para elaborar o programa electoral e afirma que “é lexitimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia pois iso é o que votaron os inscritos”
Ames, 30-4-16.– A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, presentou hoxe en Ames, nunha asemblea aberta a todos os círculos, as liñas de traballo de Podemos Galicia de cara a elaborar o programa electoral para as eleccións Autonómicas e artellar a mellor campaña posible.
Santos incidiu na necesidade de abordar as principais problemáticas da nosa sociedade dun xeito verdadeiramente transversal (igualdade, emprego, vivenda, o rural, medio ambiente, etc.), coordinando entre diferentes secretarías os eidos de actuación e as propostas dos círculos sectoriais xa existentes e dos movementos cidadáns.
A secretaria xeral anunciou que se crearán encontros de participación temáticos nestes meses que permitan un desenvolvemento moito mais amplo das propostas e mellorar as canles de comunicación cos círculos e coa cidadanía en xeral.
Rendición de contas
Durante a asemblea presentáronse as diferentes secretarías que conforman o Consello de Coordinación galego. Ademais, os representantes electos nas cámaras estatais que veñen de disolverse, Ángela Rodríguez, Antón Gómez-Reino e José García Buitrón, aproveitaron a ocasión para facer unha rendición de contas insistindo no valor da súa actividade parlamentaria nestes meses e expuxeron as súas impresións acerca de cómo encarar os vindeiros compromisos electorais.
Varias das persoas que asistiron ao longo do día á asemblea manifestaron aos deputados e senador a necesidade de democratizar o espazo En Marea. O debate puxo de manifesto que as bases de Podemos apoian totalmente que o único espazo de confluencia posible é En Marea e que se o proxecto de Mareas en Común quere apoiar o cambio en Galicia debe sumarse á democratización de En Marea.
“É lexítimo que Podemos Galicia queira liderar o cambio en Galicia, porque é o que votaron os inscritos e niso que están de acordo a maior parte dos asistentes hoxe aquí”, manifestou Santos ao remate da asemblea.