Información
Galicia

A obra "Revolución detrito" de Xosé García Rodríguez é a finalista do certame de literatura infantil e xuvenil

Información
25 Octubre 2018 497 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A escritora An Alfaya coa novela O grupo é a gañadora do XII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O escritor e xornalista Xosé García Rodríguez é o finalista do certame coa obra Revolución detrito.

Un xurado composto polas escritoras Marilar Aleixandre, Andrea Maceiras, Eva Mexuto e Ánxela Gracián, coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, como presidenta e a xefa de servizo da área de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat como secretaria elixiu, por unanimidade, a novela O grupo, presentada co lema "Vulnerables" ,como gañadora do XII Premio Raína Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. Aberta a plica a autora resultou ser a escritora An Alfaya que ten como premio 6.500 € e a publicación da obra.

 

Pola alta calidade das obras presentadas, o xurado decidiu nomear como finalista a obra Revolución detrito do escritor e xornalista Xosé García Rodríguez.

O xurado estima que a novela de An Alfaya é "unha proposta de lectura moi amena, un relato ben construído con personaxes ben traballados". A obra é, segundo o fallo do premio, "moi recomendable para o lectorado xuvenil e representa os conflitos tratados desde unha perspectiva de conciencia compartida".

A novela "O grupo" parte, como explica o xurado, "dunha situación pouco usual de cinco rapaces que se reúnen nun centro cívico para ser tratados por unha traballadora social a través da posta en común das súas experiencias traumáticas".

Por outra banda, o xurado recoñece en Revolución detrito de Xosé García Rodríguez "unha narrativa áxil, unha historia engaiolante de resistencia da xente máis desfavorecida, a que ten que facer do lixo o seu modo de vida, contra a ditadura". Salienta tamén o sentido do humor e o ritmo da novela.

A escritora An Alfaya (Vigo, 1964) é autora dunha ampla obra literaria na que visitou a escrita destinada ao lectorado infantil e xuvenil con títulos como ¡Sireno, Sireno!, Premio Merlín 1997 (Xerais); A recortada, Premio de Casa da Xuventude de Ourense en 1993 (Xerais); O baúl de Wensel (Galaxia), A encontadora (Xerais, 2002), O cero escuro (Edelvives-Tambre, 2003), Unha xanela para Cecilia (Edelvives, 2005), Xoa e Azor, Premio Frai Martiño Sarmiento (Tambre-Edelvives 2006), A lenda da lúa de Montealto, (Sotelo Blanco, 2007), Illa Soidade, Premio Fundación Caixa Galicia (Xerais, 2007) O recendo das clementinas,Premio Frei Martín Sarmiento 2017 (Tambre, 2013); A cea das Enaguas (Tambre 2016), O home de negro, Premio de Novela Xuvenil Xosé Neira Vilas, (Embora 2017); ou novelas para adultos como Desventura (Positivas), Areaquente (Sotelo Blanco, 2009), Vía Secundaria (Xerais, 2011), Muros de Aire (Xerais, 2015)

O finalista, Xosé García Rodríguez (Barcelona, 1970) é escritor e xornalista. Colaborou en A Nosa Terra, Tempos Novos e Página Abierta e foi correspondente de La Voz de Galicia en Arzúa e Melide entre 1999 e 2002, para pasar logo a traballar no gabinete de prensa do Sindicato Labrego Galego e dirixir o seu voceiro Fouce. Desde 2012 colabora en Praza Pública.

Como escritor, tamén con pseudónimos como Xosé de Cea ou Cibrán Ulloa, publicou obras de poesía como Presencia da fenda (Letras de Cal, 2001) e Vilareda (Asociación Rosalía de Castro de Barakaldoo, 2018), en ensaio é autor de Baixo a lona preta. Xornal de viaxe dun brigadista na Bahia do MST, (Estaleiro, 2013) e en literatura infantil e xuvenil é autor de O lume dos soños (Baía Edicións).

En edicións anteriores, gañaron o premio Raíña Lupa os escritores Héctor Cajaraville, Xesús Fraga, Marcos Calveiro, Carlos López, Antonio Yáñez, Breogán Riveiro, Xosé A. Neira Cruz, Antonio Reigosa, Mario Pereira e Agustín Fernández Paz e, o pasado ano, a escritora Marilar Aleixandre que se convertiu na primeira muller en gañar o premio de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña.

Otros articulos relacionados.....