Información
Galicia

O FICBUEU e ”la Caixa” achegan o cine a nenos hospitalizados, persoas con discapacidade e maiores

Información
31 Mayo 2016 2374 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

cinebueu 2A Obra Social patrocina as proxeccións e obradoiros que se realizarán no Álvaro Cunqueiro, en Juan XXIII e en centros de día Pontevedra, 31 de maio de 2016. Nenas e nenos hospitalizados, persoas con discapacidade intelectual e maiores usuarios de dous centros de día gozarán dos efectos beneficiososo do cinema grazas á colaboación do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu e a Obra Social ”la Caixa”. O director do evento, Manuel Pena, e o director de área de CaixaBank en Pontevedra, Manuel Márquez, presentaron esta mañá as actividades da nova Área Social do FICBUEU que se levarán a cabo nos vindeiros doce meses en distintos municipios. O acto tivo lugar no Arquivo Provincial, onde foron recibidos polo deputado de Cultura, o buenense Xosé Leal, e a onde tamén se achegaron representantes das distintas entidades implicadas.

“Sentimos moito apoio e cariño por parte do público da provincia e pensamos en devolvelo cun plan de actuacións para colectivos que non adoitan acudir ao festival”, explicou o director do FICBUEU. Deste xeito, contribúese a un desenvolvemento social e cultural que se espalla en datas e espazos, fomentando valores coma o respecto, a igualdade e a solidariedade. Pola súa banda, Manuel Márquez indicou que as tres liñas de acción “se axustan aos campos de actuación que ”la Caixa” impulsa en Galicia”, poñendo de manifesto “a complementariedade entre a proposta do Festival de Curtametraxes e o traballo da Obra Social”.

Tres liñas de acción

Na Unidade de Pediatría do Álvaro Cunqueiro (Vigo) habilitarase unha sala de cine para que cativas e cativos hospitalizados acudan mensualmente a unha proxección de curtametraxes axeitadas para a súa idade. Escolleranse cintas que transmitan valores e actitudes positivas, que rachen coa rutina dos pacientes e dos seus familiares. Persoal do hospital e especialistas en cine guiarán as sesións, nas que se estimulará a participación dos asistentes.

Así se fará asemade coas persoas da terceira idade dos centros de día Anduriña e Pescadoira (Bueu), que tamén contarán con visionados unha vez ao mes. As curtas serán igualmente adaptadas ás súas características sociodemográficas e complementaranse con actividades para traballar a memoria, estimular a imaxinación e reflexionar sobre experiencias vividas ou feitos de actualidade. Os fins terapéuticos mestúranse así cos de entretemento.

Para as persoas con discapacidade intelectual, impartirase un obradoiro cinematográfico no centro da Asociación Juan XIII (Cangas). Durante tres semanas, os participantes pasarán polas fases de guión, produción, rodaxe, etc. para realizar a súa propia curtametraxe, que se exhibirá no FICBUEU 2017. O obxectivo é contribuír ao desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, favorecendo as súas habilidades psicomotrices, creativas e comunicativas, ao tempo que se promove a inclusión social e laboral.

Alén destas accións, o programa central do FICBUEU 2016 desenvolverase entre o 10 e o 17 de setembro con proxeccións, conferencias, roteiros e outras variadas actividades. O vindeiro 15 de xuño daranse a coñecer os sesenta títulos que integrarán tanto a sección oficial como as paralelas, seleccionados entre os 1.461 filmes chegados este ano de 97 países. O Festival Internacional de Curtametraxes está organizado na súa novena edición polo Cineclub Bueu e conta co Concello de Bueu como principal patrocinador, amais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Deputación de Pontevedra.

Otros articulos relacionados.....