Información
Galicia

A marteiliosis do berberecho e a transmisión de cancro no medio acuático

Información
06 Abril 2019 578 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1
marisqueoape agamar
Participantes no primeiro Xantar Biocientífico organizado por BioReDes no edifico Cactus do campus de Lugo

A investigación ao redor da marteiliosis do berberecho, un tipo de cancro  de moluscos que lembra á leucemia, e as posibilidades de contaxio e ou transmisión desta patoloxía mediante o tránsito de cellas cancerosas liberadas á auga por individuos enfermos e que logo se introducen e proliferan en individuos sans, centrou este venres no edificio Cactus do campus do campus de Lugo a primeira sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’. Este programa de debate e intercambio de coñecemento promovido pola agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC para Xestión e Produción Sostible de Bio-recursos (BioReDes) pretende dar visibilidade a cuestións científicas de especial interese polo seu impacto social, económico e ambiental, así como polo seu nivel de innovación.

  O investigador e coordinador da área de Patoloxía do Centro de Investigacións Mariñas da Consellería do Mar da Xunta de Galicia, Antonio Villalba, abriu a quenda de intervencións dos ‘ Xantares Biocentíficos’, co relatorio ‘Globalización e patoloxías na produción de moluscos: cancro contaxioso e marteiliosis’.

Vilalba explicou na súa intervención ante máis de medio centenar de estudantes e investigadores o traballo desenvolvido sobre a marteiliosis do berberecho e que fixo posible un sorprendente achado que convulsionou o mundo científico, ao evidenciar que a transmisión do cancro no medio acuático non é excepcional, unha realidade que abre novas expectativas ao respecto desta enfermidade.

O alcance deste achado non é menor, dado que a produción de moluscos derivada da acuicultura e pesca contribúe de forma crecente á alimentación humana e, do mesmo xeito que noutros casos de produción animal, as enfermidades constitúen unha ameaza para as explotacións marisqueiras, un sector que en Galicia ten especial relevancia  no ámbito socioecónomico, sinalou Villalba.

Divulgación científica

O programa ‘Xantares Biocientíficos’ está concibido como un seminario de divulgación científica de periodicidade mensual. A nova iniciativa de BioReDes presenta unha estrutura dinámica e divulgativa, dado que aspira a converterse dun foro aberto e accesible á cidadanía e, nomeadamente, a investigadores non especialistas na temática. Daquela, as sesións programadas no marco deste ciclo comezarán cun relatorio curto, cunha duración aproximada de 30 minutos, a cargo dun investigador convidado o de calquera membro da agrupación, tralo que se abrirá un debate. O obxecto último desta actividade non é outro que o de construír un espazo informal de análise e intercambio de ideas e coñecementos que sirva de alicerce para futuras colaboracións.

O grupo de traballo de divulgación e formación da agrupación estratéxica BioReDes do Campus Terra da USC, un equipo do que forman parte seis profesores e investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo, salientan asemade que os encontros promovidos ao abeiro dos ‘Xantares Biocentíficos’ antóllanse como foros acaídos para complementar a formación de investigadores novos e persoas que están a comezar a súa carreira investigadora.

BioReDes pretende desenvolver ‘Xantares científicos’ o primeiro ou segundo venres de cada mes. Trátase de encontros orientados á participación de todo o público interesado que son de acceso libre e de balde. Ademais, os promotores deste ciclo divulgativo tamén é receptivo ás suxestións recibidas como posibles temas para a análise e o debate.

Otros articulos relacionados.....