-
Ecoloxistas en Acción presentou denuncia na sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao considerar que o Consello da Xunta, presidente e conselleiros, cometeu delito de prevaricación ao declarar de interese autonómico o proxecto GS360 do presidente do Celta.
Ecoloxistas en Acción denuncia o historial de irregularidades na actuación da entidade “Real Club Celta de Vigo, S.A.D”, e do Goberno local do concello de Mos, en relación ás obras das instalacións deportivas, chamadas a cidade deportiva do Celta. Obras executadas en terreos forestais de especial protección en Mos. Unhas instalacións que agora a Xunta de Galicia pretende legalizar coa tramitación do “Proxecto de Interese Autonómico denominado Factoría do Deporte Gallego – Galicia Sports 360”.
En 2018, o Goberno do concello de Mos outorgou licenza municipal de obras ao Celta de Vigo para a construción de campo de fútbol e soto para instalacións deportivas en monte comunal. De igual maneira, en 2019, outorgou licenza para a construción de vestiarios e instalacións auxiliares imprescindibles. Deste xeito licenciáronse unhas obras en chan rústico forestal de especial protección para a construción dun equipamento deportivo privado, en ausencia da tramitación previa dun Plan Especial de Dotación e Infraestrutura.
Todas estas actuacións irregulares, outorgamento de licenzas, xurisdiccionalmente anuladas, e execución de obras, non axustadas á licenza, pretendían legalizarse a través dunha Modificación Puntual do PXOM de Mos. Esta modificación urbanística, que máis que perseguir o interese público perseguía satisfacer o interese dunha entidade privada, non foi adiante polos informes desfavorables dos órganos sectoriais competentes.
Incluso un informe do Xefe do Servizo de Urbanismo do Concello de Mos reflectía que as obras executadas pola entidade deportiva nin sequera axustáronse aos proxectos licenciados, senón que excederon con moito o permitido polas licenzas. Isto supón unha concesión de licenzas sabéndose contrarias á lei. E así o ditaminou a Xustiza, xa que ditas licenzas foron anuladas por Sentenza do Xulgado do Contencioso- administrativo nº3 de Pontevedra. Sentenza firme, xa que foi confirmada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en marzo de 2023, tras resolver o recurso de casación interposto polo concello de Mos.
“Co fin de sortear a tramitación e aprobación dun PEID e de favorecer o inicio prematuro das obras, concedéronse dúas licenzas nun intento de minimizar o alcance das obras mediante un fraccionamento do proxecto por fases: primeiro autorízase o campo de fútbol dobre e o aparcamento, e despois autorízanse os vestiarios e o resto de instalacións. Isto é claramente ilegal” aseguran desde Ecoloxistas en Acción.
Pese a ilegalidade manifesta do construído, ningún dos organismos con competencias en materia de protección da legalidade urbanística no chan rústico, tanto o concello de Mos como a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia, adoptaron medida algunha, a pesar de que a adopción de tales medidas resultaban obrigadas por lei. Esta inacción, recalcan, desde Ecoloxistas en Acción, resulta inxustificable, "é un total abandono do exercicio de potestades de disciplina urbanística ante obras executadas en terreos sometidos a un réxime de especial protección".
Despois de todo este historial de irregularidades, para Ecoloxistas en Acción, parece evidente que o Consello de la Xunta de Galicia declara o interese autonómico prevalecente deste proxecto para tratar de eludir os informes desfavorables emitidos por diversos organismos públicos e conseguir así a expropiación e posterior reclasificación do monte veciñal para a implantación do proxecto comercial privado, GS360, do presidente do Celta.
Ademais, para a organización ecoloxista resulta claro que neste proxecto non concorre ningún interese estratéxico ou vertebrador de carácter autonómico necesario para a declaración de Proxecto de Interese Autonómico, senón que o único que se persegue é satisfacer exclusivamente o interese dunha entidade privada.
Sinalan que no proxecto GS360 atopámonos ante usos a implantar de carácter dotacionais privados e comerciais. Usos que perfectamente son implantables en Chan Urbano ou Urbanizable, sen que sexa necesario acudir a Chan rústico de especial protección. Máis, din, cando a propio PXOM en tramitación do concello de Vigo, no que o Celta de Vigo ten a súa sede e arraigamento, xa contempla unha reserva de terreos de 104.000 m2, para equipamentos deportivos. Aínda así, recalcan, pretenden ocupar unha contorna forestal, privando ao monte veciñal do destino e función social que lle é propia.
Mediante esta declaración de interese autonómico queren expropiar uns terreos forestais que debían manterse como tales, algo que non se poñía en dúbida por ninguén ata que puxo o ollos neles unha entidade privada, de xeito evidente polo menor custo de obtención dos mesmos respecto daqueles terreos en zonas aptas para o destino que se lles pretende dar.
"Agora unha licenza, agora un Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións, agora unha Modificación Puntual do PXOM, agora un Proxecto de Interese Autonómico Que será o próximo? O Partido Popular parece disposto ao que sexa con tal de favorecer a un empresario amigo, sen importarlle sacrificar o monte comunal", sinala Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.
Ademais, Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto GS360 do presidente do Celta ten un forte impacto ecolóxico, xa que afecta a terreos de monte veciñal e comporta unha evidente afección aos recursos hidrolóxicos da zona dadas as necesidades de auga para as instalacións hostaleiras, comerciais e deportivas do proxecto. Para a organización ecoloxista debería prevalecer en todo caso o uso correspondente co abastecemento dos núcleos da zona.
Subliñan que o proxecto afectará o patrimonio cultural da zona, en concreto á área de protección integral do xacemento “Coto dos Mosquitos”. E que tamén supón unha severa e irreversible afectación á paisaxe dada a implantación nunha zona eminentemente forestal da Cidade Deportiva Afouteza e pode afectar a especies protexidas ou en situación de vulnerabilidade, o cal desde logo non se contempla debidamente no proxecto.
Denuncian que a Xunta está a refugar a relevancia do mantemento das superficies de monte, a pesar da súa función social, os servizos ecosistémicos que presta e ao seu fundamental papel na loita contra a contaminación ambiental como sumidoiros de dióxido de carbono.
Por todo isto, para Ecoloxistas en Acción resulta patente que non concorre un interese estratéxico de carácter autonómico no proxecto GS360. A organización ecoloxistas considera evidente que os acordos do Consello de la Xunta de Galicia foron ditados de maneira arbitraria, con plena consciencia da súa inxustiza, co fin de satisfacer o interese dunha entidade privada como é a Sociedade Anónima Deportiva Real Club Celta de Vigo. Esperan que o TSXG atenda a súa denuncia e restableza a legalidade.
"Consideramos que estes feitos son constitutivos dun delito de prevaricación administrativa urbanística e por iso denunciaremos ante o TSXG a todo o Consello de la Xunta que aprobou a declaración de interese autonómico ao proxecto GS360 impulsado polo presidente do Celta", destaca Eloy Pérez, coordinador de Ecoloxistas en Acción.
También te puede interesar :
Otras noticias de esta sección:
Artículo más reciente :
Otras noticias recomendadas :
Los más populares hoy :
- El TEDH acusa recibo del recurso sobre el acoso judicial de la asesora de Feijóo contra el Director de Xornal Galicia y Presidente de Pladesemapesga.
- A Feijóo en la Xunta solo le faltó poner a nombre de su hermana todos los edificios centrales de San Caetano, fiscalía y juzgados de Santiago completamente ciegos, no quieren ver.
- La Injusticia en Galicia: La Persecución de los Denunciantes de Corrupción. Publicación permanente en este xornal