A Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) quere amosar a súa total oposición á construción por parte de diferentes administracións (Concellos de Monforte e Castro Caldelas e Deputacións de Lugo e Ourense) dunha tirolina, a segunda máis longa de Europa segundo se informou, nun espazo de alto valor natural na Ribeira Sacra como son as Penas de Matacás, e o seu entorno inmediato do Canón do Sil, situadas no ourensán concello de Castro Caldelas tal e como recollían algúns medios de comunicación recentemente.
Parécenos incongruente como esas mesmas administracións que apostan polo turismo ornitolóxico e de calidade na zona pretenden agora facer unha especie de “parque de aventura” potencialmente incompatible coa preservación dos valores naturais da zona. Constátase outra vez como as administracións seguen a dilapidar recursos públicos en proxectos de dubidosa rendibilidade social e económica De feito, a proliferación de infraestruturas turísticas nos últimos tempos (complexos turísticos ou a maior concentración de miradoiros de Galicia) non está a ter unha repercusión económica significativa na zona de xeito significativo nin na poboación local, ao non formar parte dunha planificación estratéxica que incorpore criterios de rendibilidade social, económica e ambiental.
A área de actuación está incluída nas áreas prioritarias de reprodución, de alimentación, de dispersión e de concentración local das especies de aves incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas segundo a normativa da Xunta de Galicia (anexo I da RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2018, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, publicada no DOG do 1 de outubro)
Na contorna están presentes as seguintes especies afectadas polo Anexo II desa Resolución:
• Voitre branco (Neophron pernocpterus)
• Gatafornela (Circus cyaneus)
• Tartaraña cincenta (Circus pygargus)
• Aguia real (Aquila chrysaetos)
• Bufo real (Bubo bubo)
A presenza como reprodutoras de varias destas especies, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, obriga á Administración e promotores a avaliar o impacto deste e outros proxectos sobre as súas poboacións.
Os Canóns do Sil constitúen polo tanto unha área de grandísima importancia para a aves rupícolas en Galicia, un grupo de especies pouco representado na nosa terra e que por tanto sería prioritario para a súa conservación, motivo polo cal a SGO solicitou a súa declaración como Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no último proceso de ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia, aínda non resolto.
Por outra banda, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural iniciou a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de paisaxe cultural para a Ribeira Sacra, segundo a resolución do 21 de decembro de 2017 (DOG 246 do 29 de decembro de 2017), como o primeiro paso para o recoñecemento do valor cultural singular deste territorio, con características culturais materiais e inmateriais singulares, obra combinada da natureza e o ser humano. A construción da tirolina e as infraestruturas asociadas podería supor unha grave agresión para paisaxe da contorna, poñendo en perigo a inclusión da Ribeira Sacra na Lista de Patrimonio Mundial da UNESCO.
Polo tanto, a SGO considera que a instalación da tirolina constitúe un prexuízo para os valores ambientais e patrimoniais do territorio, os cales deben constituír en todo caso a base do desenvolvemento do territorio a través de proxectos sostibles e compatibles coa súa conservación, sendo precisa unha estrita avaliación do seu impacto sobre as comunidades de aves ameazadas da Ribeira Sacra