Información
Localidades de Galicia

O PP VETA A IMPLANTACIÓN DA PRIMEIRA MATRÍCULA GRATUÍTA NAS UNIVERSIDADES GALEGAS NON DESEXAN QUE OS GALEGOS/AS ESTUDEN

Información
10 Abril 2019 83 votos
1 1 1 1 1 1 1 1 1 1

A portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, denunciou hoxe o veto do PP a unha proposición non de Lei para establecer a primeira matrícula gratuíta en tódolos títulos de grao do Sistema Universitario de Galicia. Burgo presentou esta iniciativa no Pleno do Parlamento por “convicción ideolóxica e na defensa da equidade e da cohesión social”.

 

Explicou que o obxectivo desta proposta é “que ninguén quede fora da Universidade por motivos económicos e evitar que unha sociedade avanzada renuncie ao talento dos seus membros por cuestión de renda familiar”. Instou a que a administración autonómica se faga cargo “facilmente” dunha iniciativa que suporía “contías pequenas” de menos de 10 millóns de euros que serán amplamente “compensados cos beneficios da medida”.

Advertiu que se trata dun debate “necesario que máis pronto ou máis tarde vai ter desenvolvemento en todo o país”, e unha medida que está a xeneralizarse no entorno comunitario e comeza a implantarse nas comunidades autónomas. Países como Noruega, Suecia, Finlandia, Austria, Escocia ou Dinamarca xa o aplican, mentres Alemaña e Francia, ademais de Malta, Grecia, Turquía, Polonia ou a República Checa teñen unha matricula “simbólica”.

Andalucía xa aplica esta proposta dende o curso 2017-18 beneficiando a 80.000 alumnos, onde ata Moreno Bonilla acaba de apoiar unha proposta socialista para manter as bonificacións ás matrículas, Aragón e Estremadura teñen implantado medidas semellantes e Valencia está a comezar co debate para a súa aplicación. Sinalou que o Consello de Reitores da UE está de acordo coa proposta, e os reitores galegos a ven con bos ollos.

Criticou que o PP cualifique a proposta de “electoralista” cando “o propio Feijóo tomou a decisión, unilateral e sen consultar cos reitores, de rebaixar os prezos dos mestrados” sen ampliar os orzamentos do SUG a pesares de reducirlles os ingresos. Lamentou que sexan “incapaces de entender que todas as persoas teñen os mesmos dereitos, e os recursos redistribúense a través da fiscalidade, pagando máis quen máis ten”.