O alcalde de Baiona esixe á Xunta que limpe a área de descanso de Baredo “de xeito urxente”

Información
Localidades de Galicia | 08 Julio 2020 | 2098 Votos | Correo electrónico | Imprimir

O alcalde de Baiona Carlos Gómez esixiu hoxe á Xunta de Galicia que proceda “de xeito urxente” á limpeza e acondicionamento da área de descanso de Baredo, na PO-552, “que se atopa en lamentables condicións”. O rexedor local baionés quere considerar “unha curiosa coincidencia en vésperas electorais” que a limpeza da antedita PO-552 a comezaran os operarios da Xunta de Galicia, dende o límite do termo municipal de Baiona cara a Oia, municipio gobernado polo PP.

 

En todo caso, para facer os traballos de limpeza o máis eficazmente posible, o máis lóxico sería que se tiveran comezado dende Oia en dirección a Baiona ou en Baiona cara a Oia, “o que non ten lóxica é comezalo dende o limite entre os dous concellos cara a Oia para, posteriormente, volver a ese límite para traballar en dirección Baiona”. En todo caso, recalca Carlos Gómez, “son dese tipo de casualidades que adoitan darse antes das citas electorais”.

Doutra banda, o alcalde de Baiona pide ao PP local en xeral, e ao seu portavoz Ángel Rodal, en particular, que esixan á Xunta de Galicia “gobernada polo seu partido, que realice estes traballos, non en beneficio do Concello, senón en beneficio de todas as veciñas e veciños”.

Carlos Gómez demándalle ademais ao portavoz popular, Ángel Rodal “que á hora de facer esta petición ante os seus compañeiros de partido en Santiago, poña o mesmo interese e énfase que á hora de esixirlle a este Goberno, iniciativas e servizos que eles non foron quen de poñer durante dúas décadas de gobernos conservadores”.

social youtube xornalgalicia   feed-image