Os traballos para a ampliación do paseo marítimo e o carril bici dende a punta de Ferrazo ata o remate da praia de Canelas comezaron, tal como estaba previsto, tras a festividade de San Roque. Instaladas as casetas de obra, os operarios da empresa adxudicataria, Sergonsa Servicios S.L. dedican a xornada a valar a zona pola que comezarán os traballos e a instalar a correspondente sinalización para advertir a condutores e peóns da situación e dos cambios que implica. As obras comezarán pola parte interior do vial, ocupando o carril da circulación que discorre paralelo á depuradora. O tráfico rodado manterase en ámbolos dous sentidos de forma alterna e mediante regulación semafórica, mentres duren as obras. Co proxecto do Paseo Marítimo a Vilaxoán o Concello rexenerará a fachada litoral dunha zona privilexiada que se atopaba bastante degradada, recuperándoa para uso e goce das persoas. |
![]() O Concello inviste nesta importante actuación 640.640 euros que se financian con fondos propios procedentes do superávit de 2018 e cunha partida dos fondos europeos da EDUSI correspondentes á liña de "Impulso e mellora de medioambiental de zonas urbanas" do programa "Vilagarcía Avanza". Coa execución desta obra, darase continuidade ao Paseo Marítimo e ao carril bici que actualmente finalizan na punta de Ferrazo e que se ampliarán ata o remate da praia de Canelas. O tramo contará cun paseo peonil pegado ao mar que terá un ancho de 4,45 metros e, en paralelo a este, cun carril bici de 2,5 metros de ancho. A zona de tráfico rodado disporá de 6 metros de ancho para habilitar dous carrís de 3 metros cada un. A zona de paseo dotarase de bancos individuais e bancadas de aceiro galvanizado con respaldo de madeira de pino cuperizado e tratado para resistir á intemperie. Tamén instalarán papeleiras e unha fonte de auga potable adaptada ao uso de persoas con mobilidade reducida. Elementos vexetais a base de plantas ornamentais e aromáticas e tamén pequenas árbores de folla perenne que contribúan a aportar zonas de sombra, completarán a zona de esparexemento de beiramar, mentres que unha pantalla vexetal a base de plantas trepadoras cubrirá o novo muro da EDAR no lado oposto da vía. Ademais, reformaranse as escaleiras que dan acceso á praia de Canelas. O proxecto tamén prevé a renovación do alumeado público da estrada con luminarias de estética similar ás columnas que iluminarán a zona do paseo e do carril bici, todas elas de tecnoloxía led. O proxecto que vén de iniciarse ten un prazo de execución de 7 meses, polo que debería estar rematado na primavera de 2021 para que os vilagarciáns poidan gozar deste paseo por beiramar, a pé ou en bici, a través dun trazado atractivo e seguro que ademais sirva como elemento dinamizador e atractivo turístico para as parroquias de Sobradelo e Sobrán. |
Comezan as obras de construción do paseo marítimo entre Ferrazo e Canelas
Comezan as obras de construción do paseo marítimo entre Ferrazo e Canelas
- Información
- Localidades de Galicia | 19 Agosto 2020 | 1216 Votos | Correo electrónico | Imprimir
- Detalles
- Categoría: Localidades de Galicia
- Visto: 1216