Mobilización fronte a Reganosa para evitar que os fondos europeos se destinen a empresas contaminantes

Información
Localidades de Galicia | 25 Abril 2021 | 2220 votos - Registrese para votar | Correo electrónico | Imprimir
social youtube xornalgalicia   feed-image

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos, xunto co Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, celebraron unha concentración diante de Reganosa, a industria do gas fósil de Galiza, hoxe sábado 24 de abril ás 12 horas para denunciar a falta de transparencia, a ausencia de participación pública e para esixir un reparto xusto e sustentábel dos fondos europeos Next Generation que chegarán ao país. A concentración comezou na Avenida da Pedreira para despois camiñar até o final da rúa do Penedo, fronte á industria.

 

Na concentración, membros da coordinadora amosaron varias pancartas, con lemas como “Non máis diñerio para empresas contaminantes” ou “Reparto xusto dos fondos europeos” e escenificaron teatralmente como a Xunta só está  a falar con grandes empresas deixando de lado á sociedade civil. Posteriormente leeuse un manifesto e interviu tamén unha persoa do Comité Cidadán de emerxencia como organización afitrioa.

>>FOTOS DA CONCENTRACIÓN AQUÍ

Segundo as organizacións convocantes, malia que queda moito por saber sobre como se van repartir os fondos europeos Next Generation e a que modelo de recuperación post-covid van dirixidos, existe unha indignante ausencia de participación da sociedade civil e unha enorme opacidade no referente aos mesmos. “Todo apunta a que as grandes beneficiadas van ser máis ca nada grandes corporaciónes e élites económicas. No entanto, as contrapartidas en forma de reformas laborais e de pensións pagarémolas todas. Se pagamos todas, decidimos todas”, afirmou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e voceira da Coordinadora.

No medio da enorme opacidade existente na asignación de fondos e proxectos, na Galiza hai uns nomes que reasoan, pois a Xunta ven de crear unha sociedade con Reganosa, Abanca e Sogama destinada á planificación estratéxica de iniciativas, pero que exclúe á sociedade civil. Para a Coordinadora as tres empresas constitúen modelos extremadamente controvertidos e representan a peor faciana da colaboracion público-privada.

Especialmente preocupante é o caso de Reganosa, unha empresa participada pola Xunta, con cinco sentenzas en contra do Tribunal Supremo, sen autorización administrativa, emprazada nun lugar de risco para a poboación e que co seu sistema de regasificación a base de hipoclorito contribúe á actual crise ambiental e de produción da ría de Ferrol. Con este currículo, Reganosa é o modelo que o goberno Feijoó ten para liderar a recuperación post-covid? pregúntanse as convocantes.

A industria do gas non pode ser incluída na loita contra o cambio climático nin é aceptábel que reciba fondos de recuperación. Os cartos deben servir para recuperar a crise, mais tamén para comezarmos unha mudanza sistémica que evite as peores consecuencias do cambio climático, non para consolidar a industria dos combustíbeis fósiles e afianzar ou mesmo ampliar a infraestrutura gasística. Iso non ten nada que ver coa transición ecolóxica que os "Next generation EU" tamén teñen que garantir”, conclúe Manoel Santos, tamén voceiro da Coordinadora.