Imprimir

Eólica mariña: outra volta o carro diante dos bois

Información
Localidades de Galicia | 25 Junio 2021 | 2055 votos - Registrese para votar
social youtube xornalgalicia   feed-image

Xa están en tramitación dous parques eólicos (Iberdrola) fronte á costa galega, mesmo denantes de existir unha planificación do sector enerxético no mar. Nen sequera agardaron á aprobación do POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Mariño) que nestes intres tramita o Ministerio, e que aliás da enerxía atinxe a outras moitas actividades e usos que conflúen nas nosas augas.
As eléctricas pretenden repetir a tola carreira por ocupar o espazo mariño tal como xa acontecera na terra, e as administracións galega e estatal están a deixarlles facer.


O desenvolvemento da enerxía eólica mariña e por extensión das renovábeis no mar (undimotriz, mareas...) carece dunha planificación propia. Alén dos mapas do recurso, os dous "estudos estratéxicos ambientais" de 2007 e 2009, o RD 1028/2007 que só establecía os requisitos administrativos -papelaxe- para promover un PE mariño, non hai unha norma tipo "plano sectorial" que estableza as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, os criterios de exclusión, as interaccións con outras actividades, etc. Tan só no Plano de Ordenamento do Espazo marítimo (POEM), arestora no periodo de consultas previas por parte do Ministerio de transición ecolóxica, fanse referenzas ao desenvolvemento da eólica mariña nos mares do Estado.
Mais este POEM, aínda en tramitación, é un documento no que teñen cabida moitas outras actividades a se desenvolver no espazo mariño, alén da enerxía eólica. Sería de interese que, se non para a eólica en exclusiva, cando menos para xeración de renovábeis no mar houbera unha planificación e desenvolvemento normativo propio, ao fío do recollido nos "estudos estratéxicos" e na consulta pública iniciada en 2020 para elaborar unha "Folla de ruta" para o desenvolvemento da eólica mariña e cuxos resultados aínda non se fixeron póblicos.

Con todo, e mesmo asumindo como válido o instrumento do POEM, resulta inaceitábel que se autorice o inicio da tramitación de dous proxectos eólicos mariños sen sequera terse aprobado dito Plano. Isto lémbranos ao acontecido en Galiza coa eólica terrestre: cando na altura de 1997 aprobouse o Plano sectorial eólico, xa fora adxudicado a totalidade do recurso que se implantou en Galiza até o ano 2009! Só por este grave déficit de planificación nada casual, que só beneficia ás empresas do oligopolio eléctrico, rexeitamos de plano o aproveitamento da eólica mariña nas costas galegas e españolas.

Os corredores migratorios das aves: facendo "slalom" cos parques eólicos

O POEM, polo que atinxe ao aproveitamento da enerxía eólica mariña, define unha serie de áreas, 5 na costa galega, denominadas de "uso preferente" e "alto potencial". Para chegar a esta delimitación, aplicouse unha metodoloxía secuencial partindo da calidade do recurso (potencia eólica) no mar de Galiza. Resulta que practicamente toda a plataforma continental galega amosa un recurso eólico (<7,5 m/s a 100m) susceptíbel de ser aproveitado. Nunha segunda iteración, descártanse aquelas áreas protexidas a nível estatal e autonómico (ZEPAS, IBAS -important bird areas-, ZEC e áreas críticas para 5 especies de cetáceos), así como corredores marítimos, accesos portuarios, servidumes de navegación aérea...). E nunha terceira secuencia, considéranse outros valores ambientais (corredores migratorios, áreas de interese para cetáceos, LICs en tramitación e espazos para completar a RN2000) mais non se exclúen do aproveimatento eólico estas áreas senón que actuarán como condicionantes na fase de avaliación dos proxectos puntuais que se presenten.

Dende ADEGA lamentamos a enorme miopía do Ministerio ao esquecer que pola costa galega discorren algúns dos corredores migratorios de aves e cetáceos máis importantes do mundo. Este feito debería sen dúbida considerarse un dos principais factores de exclusión do aproveitamento eólico, habida conta ademais que as taxas máis altas de mortalidade de aves polos muíños eólicos acontecen nos corredores migratorios.
Planificar os polígonos eólicos entre áreas protexidas e no medio dos corredores migratorios e pensar que as aves van facer "slalom" entre os muíños de ZEPA en ZEPA é simplesmente un insulto á intelixencia, alén de conculcar de plano a Directiva 2009/147 CE de Aves.
Outro tanto ocorre para os cetáceos: considéranse excluídas do aproveitamento eólico só as áreas críticas de 5 especies, cando nas augas galegas están presentes nada menos que 24, 9 frecuentes, existindo ademais un importante descoñecemento dos seus movementos.

A pesca artesanal, esquecida na planificación dos polígonos eólicos

No que atinxe á eólica mariña é a designación dos polígonos de "uso preferente" e de "alto potencial", o POEM amosa un esquecemento insultante. Descartáronse áreas ocupadas polos corredores marítimos, accesos aos portos, usos militares, aviación civil, e outras condicionadas pola acuicultura e o patrimonio subacuático, mais un aspecto que "no ha sido considerado, dejándose para su evaluación en el marco del proxecto correspondiente" é "la pesca artesanal y cualquier otro uso que pueda estar aconteciendo en las zonas." Outro é o impacto paisaxístico.

Semella que para o Ministerio, a pesca artesanal non é un factor de exclusión, nen sequera limitante, á hora de establecer as áreas de aproveitamento eólico. A súa eventual consideración déixase para a fase de tramitación de cada proxecto individual que se presente. Este inxustificado e aldraxante esquecemento que ignora as especificidades propias, ambientais e socioeconómicas das nosas costas, ben amosa até que punto o oligopolio eléctrico condiciona a planificación, ou déficit de planificación, da enerxía eólica mariña.

Dende ADEGA exixímoslle ao Ministerio que paralise a tramitación de calquera parque eólico mariño mentres non se elabore unha planificación normativa propia para o aproveitamento enerxético nas augas de competencia estatal. Rexeitamos que se nos tente coar o ordenamento do sector no caixón de xastre do POEM, e mesmo permitir a tramitación de proxectos como os de Iberdrola sen ter aprobado antes dito Plano. Esta norma, unha mala "parcelaria" mariña, debería ademais considerar as especiais características ecolóxicas do noso mar, un dos máis fértiles (e sensíbels) do mundo, e do que por certo viven milleiros de persoas inxustamente esquecidas.

Polo que atinxe á Xunta, semella que quere permanecer de perfil fronte a esta problemática traspasándolle a responsabilidade ao Ministerio. Porén, no Parlamento, PP e PSOE veñen de rachar o consenso de 2009 en contra da eólica mariña, acordando promover a súa implantación na costa. Até o de agora, a Xunta limitouse a criar un "observatorio da eólica mariña" do que excluíu aos colectivos naturalistas e ecoloxistas así como aos grupos de investigación (IEO, IIM...) e ás universidades, todos con ampla experiencia no estudo e protección dos hábitats e a biota mariña.
Semella que a Xunta se debate entre facer oposición a Madrid e atender ás esixencias das Iberdrolas e Greenalias. Dende ADEGA exixímoslle que rexeite claramente este tipo de aproveitamentos na costa e antepoña a protección dos nosos mares e o futuro do sector galego do mar ás contas de beneficios das electricas.

Novas relacionadas

Categoría: Localidades de Galicia
Visto: 2055